Cinco novas actuacións musicais súmanse ao cartel do festival Atlantic Fest que, por vez primeira, celebrarase na praia da Concha de Vilagarcía os días 24, 25 e 26 de xullo.
O artista C. Tangana, todo un fenómeno na música urbana española, lidera esta nova rolda de confirmacións. Será a súa única visita a Galicia este verán.
Con máis de sete millóns de oíntes mensuais e éxitos como Mala Mujer, Un Veneno, No te debí besar, Llorando en la Limo e Booty, entre outros, é un dos artistas españois máis difundidos e mostrará en Vilagarcía o seu son persoal e o seu estilo intimista e próximo.
Xunto ao madrileño, o Atlantic Fest recibirá á 'cantaora' flamenca María José Llergo, o grupo de electropop Ladilla Rusa, o artista de R& B Tito Ramírez e Kaixo, unha das cabezas visibles das novas tendencias do hip-hop e a música electrónica.
Todos eles únense aos xa confirmados Amaia, Fuerza nueva, Carolina Durante, Javiera Mena, Derby Motoreta's Burrito Kachimba e Núria Graham.
Os abonos para o festival atópanse á venda a través da web www.atlanticfest.com a un prezo de 50 euros ata o 9 de abril.