Cada xoves deste outono 250 espectadores botáronlle teatro á vida

Pontevedra
19 de decembro 2014

A segunda edición de Ponteatro incluíu comedia, drama, teatro de improvisación e experimental, circo e un musical e deu resposta aos obxectivos que se marcara a concellaría de Cultura, "atraer novos públicos" ao teatro. Á hora de facer balance, indican que os 250 espectadores de aforo medio por función suponen, no caso do Teatro Principal, case un 60% de ocupación

Representación da obra "A tempestade", dentro do ciclo Ponteatro
Representación da obra "A tempestade", dentro do ciclo Ponteatro / Mónica Patxot

Unha media de 250 persoas acudiron cada xoves ás funcións do ciclo Ponteatro durante este outono. O evento cultural, que se promociona como 'Ponteatro. Os xoves bótalle teatro á vida', viviu esta semana a súa derradeira representación, 'Improperio DF.', o broche de ouro a un programa que levou ao Pazo da Cultura e o Teatro Principal a sete compañías galegas de recoñecida traxectoria.

A segunda edición de Ponteatro incluíu comedia, drama, teatro de improvisación e experimental, circo e un musical e deu resposta os obxectivos que se marcara a concellaría de Cultura, "atraer novos públicos" ao teatro.

Á hora de facer balance, os organizadores indican que os 250 espectadores de aforo medio por función -en 2013 foron 240- suponen, no caso do Teatro Principal, case un 60% de ocupación. Os datos son "máis que positivos" para as nove representacións, dúas de elas ('A tempestade' e 'Impreuna') concertadas con centros escolares. 

O único que tiñan en común todas as representacións, ademáis de representarse o xoves, era ser diferentes entre elas. En opinión dos organizadores, este aspecto sirve para comprobar que o ciclo "está máis que consolidado na nosa cidade e conta cun público fiel e teatralmente educado, capaz de asistir coa mesma expectación a calquera tipo de espectáculo".

Segundo sinala, as sete compañías (Redrum, Voadora, EME2, Pistacatro, Catrocadeiras, Obras Públicas e Triatreros),  manifestaron o seu agradecemento e sorpresa pola abundacia de público e a implicación do mesmo en cada espectáculo. E os centros escolares valoran que este ciclo é "unha oportunidade moi asequible de achegar ao teatro a públicos moi xoves, con todos os beneficios que isto supón".