Cadeas de televisión, distribuidoras e produtoras buscarán novas ideas en Pontevedra

Pontevedra
25 de setembro 2018

Máis de quince cadeas de televisión, distribuidoras e produtoras de toda España confirmaron a súa presenza nun evento que o sector celebrará na cidade de  Pontevedra os días 20 e 21 de novembro. O obxectivo deste encontro é buscar novas ideas e produtos para desenvolver proxectos no ámbito audiovisual

Rodaxe dunha serie en Pontevedra
Rodaxe dunha serie en Pontevedra / Mónica Patxot

Máis de quince cadeas de televisión, distribuidoras e produtoras de toda España confirmaron a súa presenza nun evento que o sector celebrará na cidade de  Pontevedra os días 20 e 21 de novembro. O obxectivo deste encontro é buscar novas ideas e produtos para desenvolver proxectos no ámbito audiovisual.

Trátase da duodécima edición do pitching I+P Ideas para producir, organizado polo Clúster Audiovisual Galego.

A xornada de presentación de proxectos audiovisuais e encontros one-to-one reunirá a directivos de grupos de televisión nacionais cos propios creadores.

Así, estarán en Pontevedra Fernando López Puig, director de Cine e Ficción de TVE; Jorge Tuca, director de Desenvolvemento de Proxectos de Telecinco Cinema; Beatriz Herzog, delegada de Contidos de Ficción de Atresmedia; Rosa Pérez, produtora de Atresmedia Cine, ou responsables do departamento de Programas de Ficción de Mediaset España e da Área de Contidos do Grupo Euskaltel, entre outros.

Tamén asistirán executivos de canles autonómicas como o xefe de Ficción e Cine de TV3, Oriol Sala-Patau; o responsable de Ficción de Televisión da EITB, Josu Bilbao; e directivos dos departamentos de Contidos da RTPA asturiana e da TVG.

O I+P Ideas para producir contará ademais coa participación de Carlos Fernández, CEO de Filmax; Cristian Caggiano, responsable de Vendas de DeAPlaneta; e Manuel Monzón, produtor executivo de A Contracorriente Films.

Este ano tamén asistirán ao I+P os responsables dos departamentos de Ficción das produtoras Sr. Mono, César Rodríguez, e Boomerang TV, Josep Cister e María Fernández, entre outros.

As empresas e os profesionais do audiovisual interesados en participar nesta xornada poden inscribirse ata o día 8 de outubro. Para iso teñen que enviar o formulario que encontrarán na páxina web do Clúster a [email protected].

A partir do día 30 de outubro a organización comunicará aos seus responsables os proxectos seleccionados para participar no pitching.