Unha cámara de cine e a literatura avanzan xuntas no cartel de Nuria Díaz para o Salón do Libro 2025

Pontevedra
21 de febreiro 2025

A autora, formada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, é tamén a creadora dunha colección ilustrada sobre directores de cine como Wes Anderson, Chaplin e Hitchcock

Nuria Díaz e Demetrio Gómez presentan o cartel do Salón do Libro
Nuria Díaz e Demetrio Gómez presentan o cartel do Salón do Libro / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra presentou este venres o cartel oficial da próxima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil,  unha creación da ilustradora Nuria Díaz, que combina a súa paixón polo cine e a literatura nun deseño cheo de imaxinación e creatividade.

O acto contou coa presenza de Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, e da propia autora do cartel, que desvelou os detalles e a inspiración detrás da obra.

Demetrio Gómez mostrouse entusiasmado co resultado: "Estamos encantadas da marabilla de cartaz que temos para o Salón do Libro deste ano", destacando a calidade do traballo de Díaz.

Nuria Díaz, natural de Vilagarcía e formada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, leva máis dunha década dedicada ao ámbito editorial, con ilustracións para libros e proxectos persoais centrados no cine, como as súas coleccións sobre Wes Anderson, Chaplin e Alfred Hitchcock.

A ilustradora explicou que, despois de varios anos presentando o seu portfolio, por fin tivo a oportunidade de deseñar o cartel do Salón do Libro: "Tiña ganas de facer o cartel do Salón do Libro. Este ano, que está dedicado ao mundo do cine, eu teño unha relación especial porque fixen a colección sobre cineastas".

A idea central do cartel xira arredor da conexión entre dúas disciplinas que, segundo Díaz, comparten unha esencia común: "Son dúas disciplinas que contan historias e crean emocións, e están relacionadas entre si".

"A miña idea era facer dúas personaxes, unha cámara e un libro, que percorren un camiño da man e nos levan a lugares imaxinarios. Quixen que fosen elementos que conectasen co público do Salón, principalmente cos nenos", explicou Díaz.

A cámara, inspirada no cinema clásico pero cun toque moderno, e o libro, relacionado cos contos infantís, convértense nos protagonistas da viaxe visual que transcende as marxes do cartel, coa idea de que poidan ser trasladados a outros espazos e soportes.

Cartel do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2025
Cartel do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2025Concello de Pontevedra

A ilustradora destacou tamén o desafío técnico de integrar os elementos habituais do cartel no deseño: "Sempre temos que ter en conta o deseño coa mancha negra onde vén a información do Salón. Aproveitei esa mancha para crear o personaxe do libro". 

Nuria Díaz ten unha traxectoria profesional  que inclúe ilustracións para libros, proxectos publicitarios e unha tenda en liña  con produtos ilustrados.

A edición do Salón do Libro 2025 vai desenvolverse entre o 21 de marzo e o 6 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra.