Camilo Franco, novo director de Culturgal: "As culturas necesitan públicos e temos que atraelos"

Pontevedra
10 de maio 2023

Culturgal ten un novo director. O xornalista Camilo Franco será o seu novo responsable. Estreará xa esta nova responsabilidade na próxima edición da feira, a décimo sexta deste referente cultural, que se celebrará en Pontevedra entre os días 1 e 3 de decembro

Camilo Franco, novo director de Culturgal
Camilo Franco, novo director de Culturgal / Manu Suárez / Culturgal

Culturgal ten un novo director. O xornalista Camilo Franco será o seu novo responsable. Estreará xa esta nova responsabilidade na próxima edición da feira, a décimo sexta deste referente cultural, que se celebrará en Pontevedra entre os días 1 e 3 de decembro.

O tamén escritor ten, segundo a asociación, un "perfil transversal" que engloba tamén a xestión cultural. Asume o posto de director cunha folla de ruta fiel á esencia da feira como escaparate das culturas galegas diante do público e que permita ao tempo ampliar audiencias. 

"As culturas necesitan públicos e Culturgal ten que ser un espazo que atenda a atracción dos públicos e que explore as novidades que se vaian producindo na relación entre a oferta cultural e os todos os públicos", subliña Franco.

Sen perder isto de vista, avanza que a feira atenderá tanto ás principais manifestación das diferentes disciplinas da cultura galega, como á necesidade de poñer en marcha iniciativas que permitan a visibilidade de novas expresións culturais.

Ademais, Culturgal buscará este ano ampliar a participación profesional implicando máis sectores, baixo a premisa de ensanchar a base do que se considera cultura no século XXI.

Esta maior integración das diversas disciplinas culturais artellarase cunha posta en escena renovada, que continuará a ter Pontevedra como centro neurálxico e espallará Culturgal máis alá do evento feiral, reivindicando o seu carácter referencial das industrias culturais galegas. 

A este respecto, o seu novo director avanza que Culturgal "ten que ser un escaparate do principal que ofrece a cultura galega cada ano e, por outra parte, ten que ser capaz de ofrecer iniciativas novas que se incorporen ao conxunto cultural do país".

Desde o punto de vista cultural, a intención é que exista unha combinación "máis activa" entre as ofertas principais do Culturgal e unha conexión maior entre música, literatura, artes escénicas e a produción audiovisual coas novidades que se poidan ir incorporando.