Campaña solidaria na Biblioteca: as sancións polo atraso nas devolucións conmútanse por alimentos

Pontevedra
09 de decembro 2016

Dende o vindeiro luns 12 de decembro ata o sábado 8 de xaneiro de 2017 vai desenvolverse a campaña "Lectura solidaria-Libros por alimentos" 

Biblioteca Pública de Pontevedra
Biblioteca Pública de Pontevedra / Mónica Patxot

A Biblioteca Pública de Pontevedra inicia a partir do luns 12 de decembro e ata o 8 de xaneiro de 2017 unha campaña solidaria que leva por título "Lectura solidaria-Libros por alimentos".

A proposta contempla cambiar as sancións que contempla o regulamento, polos atrasos na devolución de libros e demais materiais, por produtos de primeira necesidade, alimentos non perecedoiros, que irán destinados ao Banco de Alimentos de Vigo que abastece a persoas con necesidade en toda a provincia.

Para colaborar con esta campaña non é necesario estar sancionado. Todos os lectores que devolven en prazo os materiais poden sumarse a esta iniciativa, entregando tamén produtos de primeira necesidade. 

Con esta iniciativa a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola pretende facer unha chamada á solidariedade por parte dos usuarios e contribuír nestas datas para axudar a persoas con escasos recursos.