Este luns comezaba na rede o desenvolvemento dunha proposta orixinal que consiste en escribir unha historia, baixo o título de 'Caramomia', a oito mans coa participación de representantes de coñecido prestixio dentro das letras de Galicia como Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico, pseudónimo do autor Miguel López.
'Caramomia' é unha novela xuvenil que se engloba dentro do xénero de misterio. O público desta obra serán novas a partir dos 10 anos e a idea desenvólvena estes catro creadores que durante os días de permanencia en casa durante o estado de alarma decidiron traballar nesta historia protagonizada por Roque, Brando, Mafalda e Mabel; catro mozos que tentarán descubrir quen roubou unha valiosa peza do museo durante eses días de confinamento.
A novela irase publicando por entregas. Este luns, o mércores, venres e sábado presentaránsenos os personaxes.a través da web da Deputación de Pontevedra, que promove este proxecto, e a través da rede social Instagram. Contará con 24 capítulos que se irán desenvolvendo ata o 20 de xuño e a partir da próxima semana, os mozos que sigan o relato poderán votar como queren que avance a trama e as accións que deben realizar os personaxes.
O primeiro capítulo logrou na mañá deste luns o seguimento de 350 mozos a través de Instagram. A Deputación tamén ten previsto publicar as ligazóns en Twitter e Facebook. Segundo explicaba a presidenta provincial Carmela Silva, unha vez que finalice a publicación virtual, a Deputación ten previsto que se edite en formato papel esta novela.