Ata o próximo 3 de xullo permanecerá aberta no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a exposición 'Carmen Domínguez. Cor, sempre cor', que se inauguraba este xoves 11 cunha colección de dúas ducias de cadros realizados pola artista pontevedresa desde 1980 ata a primeira metade da década pasada.
Carmen Domínguez naceu en Pontevedra en 1951 e faleceu en Madrid en abril de 2021, aos 70 anos de idade. Evolucionou desde unha obra figurativa inicial a unha maior abstracción na década dos noventa, tal e como se pode comprobar nos cadros desta mostra.
O comisario Kike Ortega, o crítico cultural Ramón Rozas e o director do Museo, José Manuel Rey, destacaron a vitalidade artística da pintora local que se mostra a través duns traballos sólidos, ricos en matices e suxestivos.
A cor sempre é o protagonista dos traballos ofrecendo desde gamas cálidas ata frías. Na súa última etapa achégase á natureza con representación de bosques outonais.