'Cartas na escuridade' de Lois Pérez obtén o premio María Victoria Moreno

Pontevedra
20 de decembro 2023

O xurado do premio de literatura xuvenil destacou o compoñente social da historia que o autor de Lugo sitúa en Catar na celebración do Mundial de fútbol con mozos procedentes de Uganda que teñen que enfrontarse ao medo e á "imposibilidade de ser nalgunhas xeografías do mundo", segundo relata o autor

O escritor Lois Pérez é recibido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores
O escritor Lois Pérez é recibido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores / Concello de Pontevedra

Lois Pérez, escritor nado en Lugo, é o gañador da sexta edición do Premio de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno pola súa obra 'Cartas na escuridade'.

Este mércores presentábase, coa asistencia do autor premiado, o resultado deste certame que organiza o Concello de Pontevedra en colaboración coa editorial Cuarto de Inverno coa pretensión de dinamizar e fomentar a lectura, ademais da utilización do idimo galego.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destacaba a dificultade especial que supón a creación dun texto literario dirixido a un público moi determinado como é o caso desta convocatoria.

"Estou feliz porque para min é especial vir a Pontevedra. Temos un vínculo con esta cidade e é moi especial gañar un premio que leva o nome de María Victoria Moreno", explicou o escritor, que agradeceu ao Concello "por ser un referente para outros lugares do país polo seu apoio á lingua e a nosa cultura". 

O autor sinalou que a novela é unha aventura que ten que ver co medo "e coa imposibilidade de ser nalgunhas xeografías do mundo actual".

A historia relata a vida dunha nena e un neno soldado de Uganda que, debido ao tráfico de persoas, terminan vivindo en Doha, en Catar, antes do Mundial de fútbol traballando na construción de estadios e en hoteis.

'Cartas na escuridade' explora un escenario con diversos personaxes entre os que se atopa un condutor de autobús, encargado de desfacerse da correspondencia de persoas subsaharianas que viven en barracóns. O condutor finalmente garda esas cartas e entra en contacto coa realidade destas persoas.

Lois Pérez indica que tamén existe humor nas páxinas desta novela, coa idea de "banalizar un pouco para que sexa máis dixerible polo medio de tantas cousas que hai". 

O autor, que acudía a Pontevedra acompañado da súa muller e do seu fillo, recoñece que lle interesaba narrar estas situacións á mocidade: "teño moita esperanza na mocidade, como xente que pode realmente cambiar o estado das cousas e facer deste mundo un lugar mellor". 

O creador de historias como as recollidas en 'A tribo do mar', 'Lugo Philadelphia' ou 'Long Play' explicaba que escribíu esta historia con motivo do falecemento do seu pai debido á esclerose lateral amiotrófica (ELA): "un busca refuxio na escrita e na lectura tamén", sinala, "tentaba relativizar un pouco esa dor intransferible, miña, persoal, e poñela en relación con dores máis universais e outras situacións máis complicadas para tentar seguir adiante e levar as cousas o mellor posible".

Andrea Jamardo, responsable da editorial Cuarto de Inverno, calcula que na primavera o libro estará publicado e sinalou que o xurado, do que forma parte, avaliou o carácter social desta novela.

O premio de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno contempla a publicación do texto gañador e unha dotación económica de 4.000 euros.