As casas centenarias de Cerponzóns saen á luz nunha mostra que reivindica a memoria viva da parroquia

Pontevedra
26 de maio 2025

A Asociación de Veciños O Chedeiro celebra o seu 45 aniversario cunha mostra que percorre, a través de fotos e relatos, a historia arquitectónica e emocional de Cerponzóns

 Cerponzóns
Cerponzóns

Co gallo do seu 45 aniversario, a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns organiza unha exposición que pon en valor a historia e identidade da parroquia a través das súas vivendas máis antigas.

Baixo o título "As casas centenarias de Cerponzóns", a mostra inaugúrase o vindeiro domingo 1 de xuño ás 12:00 horas no Centro Social de Cerponzóns, no lugar de Pidre, nº 70.

Trátase dun proxecto emotivo e profundamente ligado á memoria colectiva do lugar, que recolle imaxes históricas extraídas do catastro de hai cen anos, testemuños da veciñanza e relatos que rescatan vivencias arredor das casas que, malia o paso do tempo, e mesmo no caso da súa desaparición física, seguen presentes no recordo da comunidade.

O acto de presentación contará coa participación de dúas figuras destacadas do movemento veciñal galego: Juan Loureiro, presidente da COGAVE (Confederación Galega de Asociacións Veciñais) e da Federación Veciñal Castelao de Pontevedra, e Juan José Esperón, secretario da mesma confederación e da asociación anfitrioa.

A exposición é un espazo para a lembranza e tamén pretende ser unha chamada á conservación do patrimonio material e inmaterial da parroquia.

A colaboración veciñal foi fundamental para recompilar a documentación que agora se amosa ao público, indican desde O Chedeiro.

A organización fai un chamamento veciñal para que asistan á inaguración "xa que será unha oportunidade única para retratar un anaco da historia viva da nosa comunidade".

Esta iniciativa conta co apoio do Concello de Pontevedra e con fontes documentais procedentes da Xunta de Galicia, a través da Biblioteca Galiciana.