Castelao volverá ser protagonista no Café Moderno cun ciclo de conferencias de Maio Longo e Vía Galega

Pontevedra
12 de maio 2025

A programación terá catro encontros con autores e autoras que teñen traballos e estudos sobre Castelao. Este mércores 14 será a palestra 'Pensar como Castelao' de Xoán Carlos Garrido Couceiro

Tertulia de Alexandre Bóveda, Castelao, Manuel Quiroga, Valentín Paz Andrade, Carlos Casares e Ramón Cabanillas
Tertulia de Alexandre Bóveda, Castelao, Manuel Quiroga, Valentín Paz Andrade, Carlos Casares e Ramón Cabanillas / Colección ABANCA

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao volverá ser protagonista dun acto no Café Moderno Afundación, como sucedía naquela época na que compartía tertulias con Alexandre Bóveda, Manuel Quiroga, Valentín Paz Andrade, Carlos  Casares e Ramón Cabanillas.

Dentro das actividades do Ano Castelao, o Concello de Pontevedra fixo un chamamento ás entidades sociais para incluír a figura de Castelao dentro das súas programacións e entre as primeiras colaboracións recibiu a de Afundación, que puxo a disposición o Café Moderno.

Nese espazo no que participou en numerosos faladoiros, e que aparece retratado na emblemática recreación de César Lombera, organizarase un ciclo de conferencias sobre a súa figura.

As asociacións Maio Longo e Vía Galega serán as responsables da actividade. Propoñen unha serie de encontros con autores e autoras que teñen elaborados traballos e estudos sobre a figura de Castelao.

O obxectivo destas entidades é presentar a figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao na súa integridade, mais facendo fincapé no elemento que dá coherencia a todos os seus traballos artísticos, sociais e políticos: a presenza de Galiza e o seu ideario nacionalista.

A programación terá catro sesións. Este mércores 14 de maio será a primeira delas, a palestra 'Pensar como Castelao' de Xoán Carlos Garrido Couceiro.

O mércores 21, o ciclo continúa da man da profesora María Pilar García Negro, que intervirá sobre o libro Arredor de Castelao no século XXI que vén de publicar na editorial Laiovento. 

O mércores 28 de maio, Manuel Rei Romeu conversa sobre o libro Castelao, desta terra e deste tempo, publicado neste ano 2025.

O ciclo péchase no primeiro mércores do mes de xuño coa presentación do roteiro Castelao do Concello de Pontevedra elaborado pola AS-PG nunha edición corrixida e mellorada.

Tras a presentación do roteiro no Café Moderno Afundación, farase o paseo guiado por Pontevedra que inclúe unha parada na Sala Castelao do Museo de Pontevedra.