Casto Sampedro, protagonista da última "superprodución" de Os de Algures

Pontevedra
11 de decembro 2017

Unha "superproducción" tradicional galega. Así describen os responsables de Os de Algures o espectáculo Casto Sampedro na memoria da Boa Vila, que representarán o vindeiro sábado 16 de decembro, a partir das oito e media da tarde, no Teatro Principal

Os de Algures e Carmen Fouces na presentación de "Castro Sampedro na memoria da Boa Vila" PontevedraViva

Unha "superproducción" tradicional galega. Así describen os responsables de Os de Algures o espectáculo Casto Sampedro na memoria da Boa Vila, que representarán o vindeiro sábado 16 de decembro, a partir das oito e media da tarde, no Teatro Principal.

Por cuarto ano consecutivo, a agrupación opta por centrar nunha figura da cultura pontevedresa o seu traballo pola recuperación do noso patrimonio etnográfico. Nesta ocasión, o elixido foi Casto Sampedro, director fundador do Museo de Pontevedra, polo seu traballo como recopilador do cancionero musical de Galicia.

Os de Algures subirán ao escenario do Principal a un total de 86 persoas. Xunto os seus propios integrantes colaborarán as pandereitas de Seixebra (Moaña), bailaríns da agrupación Celme (Pontevedra) e actores da Aula de Teatro Municipal, que interpretarán a Sampedro e aos seus coetáneos na vida cultural pontevedresa.

Ademais, a asociación Sete Espadelas colabora co espectáculo vestindo a todos os participantes neste espectáculo, que portarán fieis recreacións dos traxes antigos que se conservan en diferentes museos de Galicia.

As catorce pezas musicais que interpretará Os de Algures pertencen á recompilación que realizou Casto Sampedro da música tradicional galega. Será a través de catro escenas ambientadas na Praza da Leña, a Praza da Verdura, a procesión do Corpus e nunha romaría tradicional. 

A escenografía tamén xogará un papel fundamental neste espectáculo. Será "sorprendente", segundo José Luis Rodríguez, xa que xogará con luces e sombras creando unha atmosfera de luz lunar. O escenario, ademais, estará cuberto con 8.000 camelias realizadas en papel de seda e cuxos pétalos foron pegados a man para a ocasión.

A entrada ao Principal será gratuíta ata completar aforamento.