Catro cineastas illaranse en outubro en Ons para desenvolver os seus proxectos

Bueu
11 de setembro 2023

Son dúas directoras coruñesas, un barcelonés e outro tinerfeño que desenvolverán ás súas obras na primeira edición do programa formativo Residencia FICBUEU, que terá lugar na Illa de Ons entre o 9 e o 15 de outubro

Presentación das Residencias FICBUEU
Presentación das Residencias FICBUEU / FICBueu

O FICBUEU presentou este luns o seu programa de residencias para cineastas na illa de Ons. É un proxecto formativo creado para darlle pulo a novos proxectos audiovisuais. 

Profesionais de prestixio titorizarán a realizadores na creación de películas que aínda están en fase de desenvolvemento. 

Este programa, no que o festival comezou traballar hai dous anos, conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). 

Na presentación María Ruiz-Falcó, co-directora do FICBUEU, incidiu no feito de que a residencia sexa de curtametraxes, o que considera "un valor diferencial, porque nos decatamos de que en España non hai practicamente nada similar".

Tamén quixo agradecer ao público a boa acollida que está a ter o certame, que continuará coa súa programación ata o vindeiro día 23 amosando o mellor cinema autoral e as principais tendencias cinematográficas en formato curto.

Nesta primeira Residencia FICBUEU, que terá lugar do 9 ao 15 de outubro en Ons, son catro os proxectos seleccionados de entre os 122 que se recibiron dende todo o territorio español, un tercio deles dende Galicia.

A titora será Isabel Peña (Zaragoza, 1983), guionista de películas coma "As bestas" ou "El reino" –coas que gañou sendos Goyas–, "Stockholm", ou "Que Dios nos perdone" y de series coma "Antidisturbios". 

Para María Ruiz-Falcó, "é un luxo estrear o programa con ela, poder contar cunha muller coa súa traxectoria e a súa altísima calidade profesional".

CALIDADES E VARIEDADE DOS PROXECTOS 

Para a selección dos proxectos, o equipo do FICBUEU fixo unha escolma inicial de 15 filmes candidatos. Despois, e en colaboración coa propia Isabel Peña, seleccionou os catro proxectos finalistas: son os de dúas directoras, Alicia Úbeda e Ángela Andrada, ambas de A Coruña, e dous directores, Jordi Sanz, de Barcelona, e Pablo Vilas, de Tenerife. 

Ademais de Isabel Peña, traballarán tamén cos residentes a doutora, guionista e antropóloga Carmen Ávalos, quen abordará o guion desde a perspectiva de xénero; Pablo Lamosa, director de Cormorán VFX, quen afondará nos recursos orientados á mellora dos aspectos visuais dos proxectos; e a profesora e investigadora Elena Neira, quen dará a coñecer as novas vías de distribución para o cinema.

Ao remate da residencia, un dos catro proxectos de guion optará a ser producido pola produtora galega Nortecatro Cinema. 

Manuel Pena, tamén co-director do FICBUEU, lembrou que "xa viñamos facendo clases de guion e pequenos cursos de rodaxe, pero queriamos ter un gran programa profesional e completo de apoio a ideas dende o seu inicio, co que se vexan resultados. Por iso imos intentar que un dos proxectos sexa realidade e pechar o círculo".