Catro empresas visitan o Pazo da Cultura para facer as súas propostas de ambientación para o Salón do Libro

Pontevedra
12 de novembro 2019

As aspirantes poderán presentar as súas ofertas ata o 20 de novembro debendo incluír a documentación requerida nos pregos e material visual ou maqueta do proxecto definitivo

Visita técnica ao Pazo da Cultura das empresas que queren presentar proxectos para o XXI Salón do Libro
Visita técnica ao Pazo da Cultura das empresas que queren presentar proxectos para o XXI Salón do Libro / Concello de Pontevedra

O Pazo da Cultura do Concello de Pontevedra sacou a licitación pública a contratación do servizo de deseño, creación e execución artística dos espazos do Salón do Libro na súa vinte e unha edición. 

Este martes catro empresas visitaban as instalacións, interesadas en participar neste proceso para ambientar o Pazo da Cultura entre o 6 e o 27 de marzo de 2020 cando se celebre a nova edición, que se centrará no humor.

A directora xerente Pilar Portela e a coordinadora do Salón, Eva Mejuto, acompañaron aos representantes das empresas para que coñecesen os diferentes espazos, tal e como se recolle nos pregos para licitar o proxecto.

Segundo indicou Pilar Portela, para a selección final terase en conta que a ambientación se relacione coa temática, co país convidado nesta edición (Italia), cos autores homenaxeados, conteña deseños inclusivos e posibilidades de interacción dos menores, entre outros aspectos.

A data límite para presentar os proxectos será ás 23.59 horas do 20 de novembro e débese engadir a documentación que se recolle nos pregos e o material visual ou a maqueta do proxecto.

O contrato alcanza os 84.270 euros sen IVE e terá unha vixencia de 2 anos, coa posibilidade de ampliación por outros dous anos.