Tras o Entroido, o Teatro Principal de Pontevedra volverá abrir ás súas portas ás mellores propostas do teatro galego. Serán catro espectáculos os que integren a tempada de inverno do ciclo Ponteatro, que o Concello presentou este luns.
"Cada vez é máis difícil escoller", destacou o edil da área de cultura, Demetrio Gómez, "e non porque non haxa pezas porque as hai e o teatro galego é fértil".
A maior dificultade, explicou o responsable municipal, é "colmar as expectativas" do público de Pontevedra, que o ano pasado esgotou as entradas para todas as sesións do ciclo.
Esta edición invernal de Ponteatro traerá á cidade catro obras, entre o 26 de febreiro e o 26 de marzo, centradas "en emocionar, provocar sensacións e convidar á reflexión".
Así, entre outras temáticas, os espectáculos seleccionados abordarán a guerra, a beleza, a perda, os naufraxios da Costa da Morte e o humor, resumiu o concelleiro pontevedrés.
Guerra, de Teatro do Noroeste, será a primeira cita, o xoves 26 de febreiro.
Protagonizada por Miguel Pernas, Luma Gómez, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, a obra está ambientada nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo nunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa.
Alí comezan a aparecer os personaxes do teatro universal que nel foran representados ao longo do tempo. As innumerables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución.
O 5 de marzo será a quenda de Tromsø de Morraoconto, coa que subirá ao escenario un elenco formado por Miguel Gendre, Lara Pouso, Lidia Veiga, Julia Ammerman e Lucía Iglesias. É unha reflexión en clave de humor dende a perda, sobre a vida, a morte e o que queda entre medias.
É un canto á tristura pero tamén á esperanza. Unha viaxe épica polos mares do norte, navegando tormentas, fiordos e enormes cardumes de arenque, na procura de respostas nun lugar onde as candorcas, co seu canto, desgarran o silencio salvaxe da aurora boreal.

O terceiro dos espectáculos, o xoves 12 de marzo, será Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, do Centro Dramático Galego e Mariña Lestón, unha viaxe sobre a historia do noso mar a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo.
A obra, que será accesible en lingua de signos, recupera naufraxios na Costa da Morte para lembrar as persoas que xa non están e para poñer en valor e visibilizar as que quedaron en terra: as viúvas, as orfas, as que socorreron… Para que as súas historias non caian no esquecemento.
Mofa e Befa, co espectáculo Os dous de sempre, porá o ramo a esta edición de Ponteatro. A obra, creada por Producións Teatrais Excéntricas, representarase o 26 de marzo.
O dúo cómico, formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, encarnan nel dous personaxes creados por Castelao, Pedriño e Rañolas, cos que compoñen un retablo da comedia humana cheo de nenos, tolos e animais que compoñen o rico universo humorístico do autor.
Todas as sesións serán ás nove da noite no Teatro Principal.
Os abonos a un prezo de 20 euros e as entradas individuais a 8 euros, 4 para persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65, están xa á venda na plataforma ataquilla.com.