Catro películas inéditas en Galicia competirán na sección Latexos de Novos Cinemas

Pontevedra
16 de novembro 2020

Serán dúas películas arxentinas, Mamá, mamá, mamá (Sol Berruezo) e La última primavera (Isabel Lamberti); e dúas españolas, Anunciaron tormenta (Javier Fernández Vázquez) e ¿Qué hago en este mundo tan visual? (Manuel Embalse).

Fotograma da película "La última primavera", de Isabel Lamberti
Fotograma da película "La última primavera", de Isabel Lamberti /

Novos Cinemas anunciou este luns as catro películas que formarán parte da súa sección Latexos na quinta edición do festival, que se celebrará entre os días 15 e 20 de decembro. Todas elas serán filmes que non se estrearon en Galicia.

Serán dúas películas arxentinas, Mamá, mamá, mamá (Sol Berruezo) e La última primavera (Isabel Lamberti); e dúas españolas, Anunciaron tormenta (Javier Fernández Vázquez) e ¿Qué hago en este mundo tan visual? (Manuel Embalse).

Cun marcado carácter testemuñal, estas películas conxugan o retrato intimista de comunidades que afrontan inevitables cambios vitais, como é o caso dos dous filmes arxentinos, unha historia oficial que esconde unha barbarie -Anunciaron tormenta- e a obstinada e sensorial procura dun artista singular -¿Qué hago en este mundo tan visual?-.

As catro películas desta sección, a raíz do acordo con Filmin, estarán dispoñibles a través desta plataforma durante a celebración do festival.

O XURADO: RAMIRO LEDO, MANUEL ASÍN E ALBERT TRIVIÑO

A película gañadora da sección Latexos exhibirase nalgunhas das principais salas independentes de España: Numax (Santiago), Zumzeig (Barcelona) e o Círculo de Belas Artes (Madrid), polo que o xurado estará composto por un representante de cada unha delas.

Serán Ramiro Ledo, xerente e programador de Numax; Manuel Asín, coordinador da área de cinema do Círculo de Belas Artes; e Albert Triviño, un dos socios fundadores de Zumzeig e que actualmente é o seu programador e coordinador.