Caxade namora o público do Culturgal no seu concerto coa Banda de Música de Bandeira

Pontevedra
07 de decembro 2014

Era un dos espectáculos máis agardados do Culturgal e, sen dúbida, non decepcionou a ninguén. Todo o contrario. Centos de persoas encheron este sábado o auditorio do Pazo da Cultura para asistir a este concerto tan especial

Concerto de Caxade e a Banda de Música de Bandeira durante Culturgal
Concerto de Caxade e a Banda de Música de Bandeira durante Culturgal / Diego Torrado

Era un dos espectáculos máis agardados do Culturgal e, sen dúbida, non decepcionou a ninguén. Todo o contrario. Centos de persoas encheron este sábado o auditorio do Pazo da Cultura para asistir a un concerto moi especial.

Foi o que protagonizaron Caxade e a Banda de Música de Bandeira, que puxeron en escena un espectáculo no que presentaron en directo o seu disco, titulado A Dança dos Moscas.

O seu éxito foi rotundo. O público gozou cunha actuación marabillosa na que ambos grupos fusionaron o seu talento e a súa arte para ofrecer un concerto cheo de beleza e cun son único.

Máis de sesenta músicos subiron ao escenario para orquestrar en directo un disco cuxa primeira tirada se esgotou e que converteu a Alonso Caxade nun dos artistas de referencia da música actual galega.

O concerto, coa produción de Sinsalaudio, foi gravado integramente e del sairá a edición dun disco en directo.

Caxade son Alonso Caxade, voz e acordeón, Manu Paino, trompeta e carillón, Manu Espinho, bombardino, e Xosé Tunhas, batería. En 2013 presentaban A Dança dos Moscas (Discos da Máquina) converténdose axiña nun traballo moi valorado por crítica e público, con máis de 50 concertos celebrados ata agora. Obtivo o Premio Opinión ao mellor artista 2013 e foi finalista aos Premios Galegos da Música e aos Premios da Música Independente.