Cedofeita presenta 'Historia de Lérez', un libro colectivo que analiza a traxectoria da parroquia

Pontevedra
04 de outubro 2021

A presentación está prevista para o xoves 7 de outubro ás 19.30 horas no edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Nese mesmo acto tamén vai presentarse o número 24 da revista da asociación. Para asistir é necesario anotarse no correo [email protected]>

Lores e Oubiña nunha recepción aos representantes de Cedofeita
Lores e Oubiña nunha recepción aos representantes de Cedofeita / Cristina Saiz - Arquivo

A asociación sociocultural Cedofeita presentará a publicación 'Historia de Lérez' o vindeiro xoves 7 de outubro a partir das 19.30 horas no edificio Castelao do Museo de Pontevedra. 

'Historia de Lérez' é unha publicación que conta cun prólogo da académica Fina Casalderrey. Este libro, patrocinado polo  Concello de Pontevedra, perfílase como unha obra colectiva na que participaron dezanove autores de prestixio. 

Ao longo das súas páxinas ofrécese unha panorámica con documentación dos principais acontecementos que se desenvolveron nesta parroquia pontevedresa desde a prehistoria ata a actualidade. Durante esta presentación intervirán Maricarme Pereira en nome da asociación e Pepe Álvarez, un dos coordinadores da publicación.

Tamén está previsto, durante o evento, que se presente o número 24 da revista Cedofeita, que conta con diversas colaboracións. Será presentada por Xosé Luís E. Solla.

Para asistir é necesario inscribirse en [email protected], indicando 'Presentación Publicacións Cedofeita 07-10-2021', no Asunto. Tamén debe incluírse o nome, os dous apelidos e un teléfono de contacto no texto do correo. As persoas que asistan deberán acceder un cuarto de hora antes para evitar aglomeracións na entrada ao Museo.