Cerdedo-Cotobade inicia as homenaxes a Antón Fraguas polas Letras Galegas

Pontevedra
13 de xaneiro 2019

Máis de 200 persoas asisten ao acto inaugural das Letras Galegas 2019 na casa natal de Fraguas en Insuela, onde se descubriu unha placa

Acto inaugural das Letras Galegas 2019 na honra de Antón Fraguas
Acto inaugural das Letras Galegas 2019 na honra de Antón Fraguas / Concello de Cerdedo-Cotobade

A casa natal de Antón Fraguas en Insuela, en Cerdedo-Cotobade, foi o escenario escollido para dar o pistoletazo de saída aos actos de homenaxe ao autor con motivo da festividade das Letras Galegas 2019.

Máis de 200 persoas acudiron ao acto inaugural, onde se descubriu unha placa e onde o presidente municipal, Jorge Cubela, anunciou que o Concello en colaboración coa Real Academia Galega, a Fundación Fraguas e o resto de institucións públicas "traballará arreo neste ano 2019 para que todas as galegas e galegos coñezan recoñézana a vida, obra e o legado de Antonio Fraguas, que é sen dúbida unha figura indiscutible e fundamental da cultura galega do século XX".

A homenaxe ao escritor, historiador e fillo predilecto do municipio contou tamén coa intervención do seu sobriño, Xosé Martínez; o presidente da Fundación Fraguas, Xusto Beramendi, que destacou "o legado que Fraguas deixou para as seguintes xeracións"; e o deputado delegado de Cultura, Xosé Leal.

Ademais tamén falou o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e o director  xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, garantindo o apoio da Xunta á programación que se desenvolverá durante todo o ano.

O acto pechouse coa interpretación do himno galego a cargo da gaiteira Sonsoles Martínez.