Cerdedo-Cotobade pecha os actos das Letras Galegas con 'A Galicia insólita', homenaxe a Antonio Fraguas

Cerdedo Cotobade
10 de decembro 2019

A representación será este sábado 14 ás 19.00 horas no Auditorio de Cerdedo con entrada libre. O espectáculo producido por Os de Algures conta coa participación de máis de oitenta persoas entre músicos, intérpretes e bailaríns

Representación da 'Galicia Insólita' de Os de Algures no Teatro Principal
Representación da 'Galicia Insólita' de Os de Algures no Teatro Principal / Diego Torrado

Este sábado 14, o  Concello de Cerdedo-Cotobade pechará o programa das Letras  Galegas 2019 dedicado a Antonio Fraguas, fillo predilecto do municipio. Será co espectáculo 'A Galicia insólita. Tan lonxe e tan preto' baseada en textos do homenaxeado e que se poderá ver no auditorio de Cerdedo a partir das 19.00 horas con entrada libre ata completar aforo.

A agrupación folclórica Os de Algures produce este espectáculo no que participan máis de oitenta persoas entre bailaríns, intérpretes e músicos. A obra, estreada no Teatro Principal de Pontevedra, conta as aventuras dun gaiteiro e dun  tamborilero na súa viaxe a Santo André de Teixido. 

A montaxe ofrece escenas coa presenza da Santa Compaña e diversas tradicións recollidas na obra de Antonio Fraguas dentro dunha posta en escena moi espectacular na que interveñen as persoas integrantes da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra, o Coro Vinderel ou a cantante Begoña Lorenzo.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela destacaba este martes este espectáculo como un " luxazo de obra teatral" coa que se destaca a Fraguas como un dos pais do estudo da etnografía galega.