O certame de pintura Otero Baena regresa a Bueu para recoñecer artistas noveis

Bueu
30 de abril 2025

Un xurado de recoñecido prestixio será o encargado de facer unha preselección dun máximo de 25 obras, que son as que formarán parte da exposición que se poderá visitar na Sala Amalia Domínguez Búa

Presentación da segunda edición do certame de pintura Otero Baena
Presentación da segunda edición do certame de pintura Otero Baena / Concello de Bueu

Ata o próximo 30 de maio as persoas que desexen participar na segunda edición do certame de pintura Otero Baena, organizado polo Concello de Bueu cada dous anos para recoñecer o traballo de artistas noveis, poderán presentar as súas obras artísticas.

O certame vai dirixido a todos aqueles artistas noveis, maiores de 18 anos, cuxa obra presentada terá que ser inédita e orixinal.

A temática será de libre elección e admitirase calquera técnica de pintura, cunha medida máxima do soporte de un metro de ancho por un metro de alto, podendo presentar os seus traballos as persoas de forma individual ou colectiva.

Un xurado de recoñecido prestixio será o encargado de facer unha preselección dun máximo de 25 obras, que son as que formarán parte da exposición que se poderá visitar na Sala Amalia Domínguez Búa entre os días 15 e 31 de xullo.

A persoa que resulte gañadora recibirá un premio dotado con 1.500 euros.

Este concurso, que tivo unha gran acollida na primeira edición, pretende ser un escaparate para promover a creación artística entre os novos talentos, ademais de poñer en valor a figura do artista bueués José Benito Otero Baena.

O Concello de Bueu leva anos traballando na recuperación e visibilización da figura de Otero Baena da man da familia e co obxectivo de dalo a coñecer tanto entre a veciñanza da vila como ás persoas visitantes.

Ese traballo arrancou en xullo de 2022 coa descuberta da placa na súa vivenda en Eduardo Vincenti, 9, moi preto da casa consistorial. A iso sumouse a creación deste certame de pintura ou unhas xornadas que divulgaron a súa figura e a súa arte.

Otero Baena destacou polo seu manexo da espátula, instrumento co que realizó as súas obras máis características, nas que representa escenas mariñeiras da súa localidade natal, cun interese especial polas embarcacións tradicionais e un uso moi persoal da cor.

Mantería ese interese ao longo do tempo, aínda que despois da paréntese creativa á que o obrigou o seu labor como alcalde e as súas ocupacións laborais, cando retomou a pintura a finais dos anos 80, o seu estilo evolucionou aos tons suaves e unha constante procura da luz.

Considerábase a si mesmo un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática. Ao final da súa vida, buscou con determinación a sinxeleza en paisaxes nas que está ausente todo o superfluo.

Unha parte da obra deste artista de Bueu, falecido en 2017, puido verse o pasado ano na exposición "Un pintor sen pinceis" do Museo de Pontevedra.