Os Feroz celebrarán ao grande en Pontevedra a traxectoria da actriz Marta Fernández-Muro, que o próximo 24 de xaneiro recibirá o Premio Feroz de Honra 2026.
Será, para empezar cun ciclo especial no que se proxectarán tres das súas películas máis destacadas, que se complementará cunha charla maxistral que a propia actriz compartirá co público pontevedrés.
Desta forma, o sábado 3 de xaneiro, ás 19:00, proxectarase La comunidad, de Álex de la Iglesia, no que se mesturan comedia negra, suspense e acción.
Carmen Maura protagoniza esta historia, rodeada -e perseguida- de grandes nomes do cine español (María Asquerino, Paca Gabaldón, Sancho Gracia, Emilio Gutiérrez Caba, Kiti Mánver, Terele Pávez… e tamén Marta Fernández-Muro) como membros dunha comunidade de veciños sen escrúpulos.
O domingo 4 será a quenda de Volver a empezar, drama dirixido por José Luís Garci con Antonio Ferrandis, Encarna Paso, José Bódalo, Agustín González e Marta Fernández-Muro, primeiro filme español en gañar un Óscar.
Narra a historia dun exiliado que regresa á súa cidade natal tras a ditadura e reencóntrase con antigas amizades e coa muller que foi o seu amor de mocidade.
E xa o 22 de xaneiro, tamén ao sete da tarde, proxectarase Arrebato de Iván Zulueta. Un filme de culto, moderno e posmoderno, que supón toda unha experiencia para o espectador.
Eusebio Poncela, Will More, Cecilia Roth e Marta Fernández-Muro brillan neste thriller único e escuro.
Tras o filme, a iso das 20:45 horas, a actriz ofrecerá a súa charla maxistral, acompañada por María Guerra, presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España.
Nela, repasará a súa carreira, as anécdotas acumuladas ao longo da súa traxectoria e os seus traballos con directores como Mario Camus, Pedro Almodóvar, Fernando Colomo… e os citados Garci, De la Iglesia e Zulueta.
Ademais, o venres 26 de decembro, dentro das actividades previas con equipos de películas e series nomeadas, poderemos ver a Fernández-Muro como a nai de Raúl Cimas na brillante Poquita Fe.
O público gozará co resumo da primeira tempada e con catro episodios da segunda.