Charlas, talleres musicais e concertos íntimos, actividades paralelas de Cantos na Maré

Pontevedra
09 de xaneiro 2017

Un concerto íntimo de Manecas Costa en Santiago de Compostela marcará o inicio das actividades paralelas que nos trae a nova edición de Cantos na Maré, o Festival Internacional de Lusofonía que se celebrará o próximo 14 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra

Manecas Costa
Manecas Costa

Un concerto íntimo de Manecas Costa en Santiago de Compostela marcará o inicio das actividades paralelas que nos trae a nova edición de Cantos na Maré, o Festival Internacional de Lusofonía que se celebrará o próximo 14 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A Casa das Crechas acollerá esta actuación especial do músico guineano, este xoves 12 ás 22.30 horas, na que estará acompañado de grandes amigos. Costa, que gravara xunto a Narf o disco Aló Irmão, logrou tecer unha notable rede de colaboradores galegos cos que ten presentado varios proxectos que se reunirán nesta cita, con conversa incluída.

O venres 13, ás once da mañá, as actividades trasládanse xa a Pontevedra. O Pazo da Cultura de Pontevedra celebrará un taller musical para escolares titulado Cantos tradicionais brasileiros, impartido por Kátya Teixeira, unha investigadora e cantora de Sao Paulo.

Na noitiña do venres, ás oito, na Libraría Paz o angolano Paulo Flores impartirá un relatorio sobre O Semba, matriz cultural de Angola. O semba é unha das danzas e xéneros musicais máis populares de Angola, resultado dun proceso complexo de fusión e transposición, para guitarra, de diversos ritmos de percusión africana.

E o sábado 14 pola mañá, ás 13.00 horas, a portuguesa Celina da Piedade ofrecerá un obradoiro de canto alentejano no Bar Gramola. Trátase dunha práctica vocal polifónica do sur de Portugal recoñecida como patrimonio inmaterial da humanidade pola Unesco en 2014 e que sempre serviu como vía de expresión cunha forte conciencia social.