O Festival Orixe despregará as súas propostas lúdico culturais en Caldas de Reis esta próxima fin de semana. Na súa novena edición, a programación vese condicionada polos requisitos que esixe a situación sanitaria provocada polo coronavirus. Así, en canto a emprazamentos, desenvolverase na praza das Palmeiras e na rúa Real, no espazo frontal da Praza de Abastos. Quen acuda levarán obrigatoriamente máscara, gardarán a distancia de seguridade interpersoal e haberá límite de aforo.
O requisito para asistir ás actividades é a doazón dalgún alimento non perecedoiro. Todos os produtos entregados doaranse ao Banco de Alimentos de Pontevedra, lembra a Asociación Zona Afectada, que organiza o evento en colaboración co Concello de Caldas de Reis.
O programa comezará o venres 28 coa presentación de 'As letras galegas en caricatura' de Héitor Picallo; será ás 20.00 horas na rúa Real. Ás 22.00 horas, nas Palmeiras, concerto de Sar Swing Quintet. O sábado ás 12.00 horas, tamibién nas Palmeiras, espectáculo infantil a cargo de Pakolas.
Ás 20.00 na rúa Real, presentación do libro de poesía 'Migratoria' de Andrea Fernández Maneiro; esta presentación literaria irá acompañada do guitarrista Manuel Dopico. Á súa conclusión, e no emprazamento das Palmeiras, concerto de Flava Bowl. O programa concluirá o domingo coa proxección de dúas curtametraxes de Nani Matos: ' Lies Diei' e 'Flores para Amalia'. Será na rúa Real ás 21.00 horas.