A escultura Santa, unha das obras máis representativas do escultor cambadés Francisco Asorey e referente da plástica galega do século XX, quedará instalada de forma permanente en Galicia tras máis de setenta anos en Montevideo.
A peza, que coincide este ano co centenario da súa creación, pasará a exhibirse na Cidade da Cultura, onde xa puido contemplarse temporalmente en 2024 dentro da exposición Galicia, un relato no mundo.
A obra do escultor cambadés foi presentada por primeira vez en 1926 na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid e está considerada unha das creacións fundamentais para entender a evolución artística de Asorey.
Ademais do seu valor escultórico, converteuse nun símbolo da renovación cultural galega no primeiro terzo do século XX e nunha peza estreitamente ligada á historia da emigración.
En 1951, a colectividade galega en Uruguai adquiriu a escultura, que desde entón permaneceu exposta en Montevideo, primeiro na Casa de Galicia.
A súa situación cambiou en 2022, cando a Xunta mercou a obra no proceso concursal da entidade sanitaria uruguaia, unha operación que tamén permitiu recuperar fondos documentais e bibliográficos vinculados á emigración galega.
Naquel momento, e froito dun acordo co Goberno uruguaio, estableceuse que Santa permanecese no Museo Zorrilla de Montevideo. Porén, a reorganización da colección permanente desa institución e a modificación do seu discurso expositivo abriron a porta ao traslado definitivo da peza a Galicia.
Segundo explicou a Xunta, o regreso permitirá integrar a escultura nun contexto máis axeitado para a súa conservación, estudo e difusión pública, reforzando ademais o seu papel como un dos grandes fitos do patrimonio artístico galego.
O retorno foi posible grazas á colaboración entre as administracións galega e uruguaia, a dirección do Museo Zorrilla e as colectividades galegas da diáspora.
A peza quedará exposta de maneira estable na Cidade da Cultura, onde a súa presenza coincidirá coa conmemoración do centenario dunha das obras máis emblemáticas de Francisco Asorey.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.