Cinco curtametraxes europeas porán fin este venres ás sesións da sétima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Unha delas será a do realizador Fran Estévez, un vilagarcián afincado en Pontevedra que presentará na derradeira xornada de proxeccións o filme Idiotas, protagonizado por un mozo con discapacidade intelectual, Manuel Rey, que tamén podería achegarse ata o Centro Social do Mar.
Canda a produción galega, pasaranse Luminita (Portugal/Romanía), de André Marques, e a comedia The World (España), dirixida por Daniel Remón. Seguiranlle a cinta de animación La maison de Poussière (Francia), de Jean-Claude Rozec, e Uten deg (Noruega), do realizador Marius Myrmel. As sesións comezan ás 20.00 e ás 22.00 horas, con entrada de balde.
Todas elas foron precedidas deste xoves pola outra cinta galega a concurso, 3-1=0, de Juan Galiñanes ou pola austríaca Für tot Erklärt (Declarado morto), dirixida por Arne Nostitz-Rieneck.
O cinema francés volveu estar presente da man de Genden Punstok e a súa curta La lampe au beurre de Yak (A lámpada de manteiga de Yak), á que seguiu Un lugar mejor, dos españois Marisa Crespo e Moisés Romera. A estadounidense Me + her (Eu + ela), de Joseph Oxford, e a suíza Parvaneh, de Talkhon Hamzavi, pecharon o cuarto día do festival.
O festival rematará este sábado co encontro entre directores galegos e internacionais para debater sobre cine e coa entrega de premios ás mellores curtametraxes.