Cinco espectáculos levarán o máis punteiro do teatro galego a Vilagarcía antes de fin de ano

O Salnés
07 de setembro 2018

As compañías galegas Producións Teatráis Excéntricas, Eme2, Señora Supina, Redrum e Malasombra presentarán as súas obras no Auditorio de Vilagarcía de Arousa nos vindeiros meses. Este venres presentábase a programación a través do director do Agadic, Jacobo Sutil

'A cabeza do dragón' no ciclo Ponteatro 2017
'A cabeza do dragón' no ciclo Ponteatro 2017 / Mónica Patxot

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) presentaba este venres os cinco espectáculos que chegarán ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa ao longo dos vindeiros meses, a través da Rede Galega de Teatro e Auditorios.

O director de Agadic, Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón e os actores Josito Porto e Víctor L. Mosqueira, de Producións excéntricas, presentaban a programación, acompañados pola xornalista Montse Fajardo, autora do libro en que está baseada a obra 'Invisibles'.

O 29 de setembro comezará o ciclo teatral coa representación da obra de Valle-Inclán, 'A cabeza do dragón', presentada en lingua galega a cargo de Excéntricas e baixo a dirección de Quico Cadaval. O 13 de outubro vai presentarse 'A leituga', a través da compañía Eme2.

A formación de recente creación Señora Supina, composta por estudantes da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), será a encargada de continar a programación co espectáculo 'Cinco mulleres que comen tortilla'. Será o 20 de outubro.

A denuncia da violencia de xénero será a protagonista da obra 'Invisibles', representada por Redrum Producións. Chegará ao Auditorio o 24 de novembro. O programa teatral, promovido por Agadic, rematará o 15 de decembro cun espectáculo destinado ao público familiar, 'Os fabulosos Cleaners', creado por Malasombra Producións.