A actividade cultural en Vilagarcía de Arousa desenvólvese este mes de xuño a través dunha ampla programación que abrangue diferentes disciplinas artísticas e escenarios, tanto en espazos pechados coma nas rúas do municipio.
Este venres 5 de xuño hai unha dobre cita. O Salón García acolle ás 20:30 horas a proxección en 3D do documental de 2010 Cave of forgotten dreams, dirixido por Werner Herzog, sobre a cova de Chauvet. Esta actividade forma parte da conmemoración do 50 aniversario do Cine Clube Ádega.
O prezo da entrada é de 4 euros para o público xeral e de 2,5 euros para persoas desempregadas e posuidoras do Carné Xove, mentres que os socios anuais acceden de balde. Os billetes pódense adquirir no propio lugar dende as 19:30 horas.
Media hora máis tarde, ás 21:00 horas, a sala principal do Auditorio é o escenario da Gala de fin de curso do Centro de Danza Gema Pizarro. As entradas véndense no despacho de billetes do Auditorio de 17:00 a 21:00 horas, con prezos de 4 euros para as zonas A e B, e de 3 euros para a zona C.
O sábado 6 o Auditorio concentra os actos. Ás 12:30 horas, na sala de conferencias, proxéctase a curtametraxe Bispos, producida por Milonga Produccións, con guión e dirección de Zahira Teijelo, fotografía de Ana Sánchez Reinoso, montaxe de Nicolás "Nargual" González, música de Rey Silver e un elenco formado por Sergio Baleirón, Noelia Papín e Bal Castro. O acceso é gratuíto ata completar a capacidade do local.
Xa pola tarde, ás 20:00 horas, a sala principal recebe a Gala de danza do Centro Artístico Begoña Fontán. A entrada custa 6 euros e pódese adquirir de xeito anticipado no centro dende o 1 de xuño ou no Auditorio o mesmo día do evento, de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 horas.
A Escola Municipal de Música Bernardo del Río celebra o seu festival os días 16 e 17 de xuño na sala principal do Auditorio, con entrada ceibe. O martes 16, ás 19:30 horas, ten lugar o Concerto de solistas.
O mércores 17, á mesma hora, desenvólvese o Concerto de agrupacións e Música e Movemento, acto que inclúe a entrega de diplomas desta última especialidade.
Tamén o mércores 17, ás 20:30 horas, o Cine Clube Ádega organiza no Salón García a proxección do documental de 2025 360 curvas. Nacer a medio camiño, dirixido por Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández. O prezo é de 2,5 euros para non socios e de balde para socios, coa billeteira aberta a partir das 19:30 horas.
A Praza da II República recibe o sábado 21, de 12:00 a 14:00 horas, a Festa da música 2026, unha iniciativa de Animación S. Nydia e a Asociación D'Vuena que reúne a máis de 120 persoas en coreografías e cancións con voz en directo.
O panorama musical complétase co IX Festival Internacional de Música Clásica "Clasclás", que se celebra entre o 20 e o 27 de xuño, e co ciclo Ágora Vermú, que ofrece tres actuacións dominicais ás 13:00 horas: Alexandra Carrera o día 7 na Mariña, Juan Lorenzo o día 14 no Carril, e Amaramar o día 21 en Vilaxoán.

VILAGARCÍA DIVERSA E ORGULLOSA
Dentro da iniciativa "Vilagarcía diversa e orgullosa", o venres 26 ás 20:30 horas o Salón García acolle o drama Maspalomas (2025), dirixido por José Mari Goenaga e Aitor Arregi. A proxección está organizada pola Área de Igualdade coa colaboración do Cine Clube Ádega e a entrada é gratuíta ata encher a sala.
O domingo 28, entre as 12:30 e as 14:00 horas, o proxecto de animación de rúa de Nelson Quinteiro, A Xente da Vila, percorre as rúas de Vilagarcía cunha posta en escena arredor do día do Orgullo LGTBIQ+.
No tocante ás exposicións, a sala do Auditorio amosa ata o 12 de xuño a mostra 100 anos soñando e educando do Colexio San Francisco, en horario de luns a venres de 10:00 a 21:00 horas.
Pola súa parte, a sala Antón Rivas Briones acolle do 19 de xuño ao 30 de agosto a exposición 50 anos de cine. Unha ollada compartida, con motivo do 50 aniversario do Cine Clube Ádega. O horario de visita é de luns a sábado de 10:30 a 13:30 e de 18:30 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.
CIDADE DE LIBRO
A sexta edición de "Vilagarcía, Cidade de Libro" desenvólvese do 8 ao 14 de xuño no parque Miguel Hernández, con actividades gratuítas en horario de mañá e tarde baixo o lema Déixame que che conte.
O evento conta coa participación de Luz Gabás, Marta Robles, Miqui Puig, Francisco Narla e a finalista do Premio Planeta 2025, Ángela Banzas.
Tamén intervirán nesta cita, entre outras firmas destacadas, César Pérez Gellida, Arantxa Portabales, Arturo Lezcano, Sés, Abraham Boba, Paulo García Conde e Alba Tomé.
O apartado xuvenil inclúe as intervencións de Alina Not, Marta Reimóndez, Hermanas Greenwood e o autor local Yago Gómez.