O Cineclube despide a tempada coa proxección de 'Salvaxe, salvaxe'

Pontevedra
29 de maio 2025

Este filme foi dirixido por Emilio Fonseca e producido por Xiana do Teixeiro (Walkie Talkie Films) que procura imaxes e ausencias do lobo ibérico nos montes de Galicia e o norte de Portugal

Imaxe do filme Salvaxe, salvaxe
Imaxe do filme Salvaxe, salvaxe / Cineclube Pontevedra

O Cineclube despide a tempada coa proxección o 3 de xuño de Salvaxe, salvaxe (2024).

Este filme foi dirixido por Emilio Fonseca e producido por Xiana do Teixeiro (Walkie Talkie Films) que procura imaxes e ausencias do lobo ibérico nos montes de Galicia e o norte de Portugal.

"Un filme-rastrexo, un anti-documental de natureza producido de maneira sostible, vegana e ecofeminista", sinalan dende o Cibeclube que aproveita esta ocasión para facer un convite a reflexionar sobre o que significa e implica filmar a vida salvaxe, "a cuestionármonos a maneira en que entendemos e tratamos a vida non humana".

Salvaxe, salvaxe é unha experiencia inmersiva e respectuosa no universo do lobo ibérico, cun coidado tratamento sonoro que provén exclusivamente de gravacións de campo realizadas para o proxecto.

O filme foi galardoado en diversos festivais, entre outras cousas, "pola súa capacidade de suxestión, a través dunha abordaxe inmersiva cun inesquecible deseño sonoro onde o telúrico, o poético, o antropolóxico e o político converxen con fluidez, ofrecendo unha película que reflexiona sobre un dos motivos do noso tempo e revisa o concepto do salvaxe" (Play-Doc).

O pase terá lugar o martes 3 de xuño ás 20.30 horas no Teatro Principal, con el remata a tempada de Cineclube ata setembro.