O Cineclube Pontevedra dá a benvida ao novo ano cunha programación que aposta polo cinema de autor máis incisivo e comprometido. A partir do 13 de xaneiro, o Teatro Principal acollerá tres proxeccións que convidan á reflexión sobre a liberdade, o traballo e as contradicións do mundo contemporáneo.
A primeira cita será coa Palma de Ouro do pasado Festival de Cannes, Un simple accidente (2025), do director iraniano Jafar Panahi. Tras quince anos sen poder saír do seu país, Panahi puido asistir persoalmente ao festival francés, nun contexto marcado pola persecución e os encarceramentos sufridos por parte do réxime iraniano. A película preséntase como un thriller de pulso firme que funciona tamén como fábula moral, na que o humor se converte nunha arma tan incómoda como eficaz para denunciar a opresión e a ausencia de liberdades.
O día 20 será a quenda de On Falling (2025), debut na longametraxe da cineasta portuguesa Laura Carreira, recoñecida no Festival de Donostia coa Cuncha de Prata á mellor dirección. A través da historia de Aurora, unha inmigrante portuguesa que traballa nun centro de distribución en Escocia, Carreira mergúllase na rutina laboral e emocional da súa protagonista para construír, segundo o crítico Carlos F. Heredero, “un enérxico retrato humano” sobre explotación laboral, saúde mental e capitalismo depredador.
A programación de xaneiro pecharase o día 27 con Kontinental ’25 (2025), o último traballo do romanés Radu Jude, gañador do Oso de Prata ao mellor guión na pasada Berlinale. Rodada cun iPhone en apenas dez días, a película é unha sátira mordaz que aborda cuestións como a especulación inmobiliaria, a xentrificación e o auxe da extrema dereita, alternando o ton tráxico co absurdo para ofrecer unha análise tan lúcida como demoledora do presente.
Todas as sesións comezarán ás 20.30 horas e proxectaranse en versión orixinal subtitulada.
O Cineclube mantén as súas modalidades habituais de acceso: cota anual (70 euros), trimestral (25 euros) ou entrada por sesión (3 euros).