'Cinema e Estrelas' volve levar os mellores filmes en versión orixinal á praza da Pedreira

Pontevedra
25 de xullo 2022

As proxeccións terán lugar entre o mércores 27 e o domingo 31 de xullo. En todos os casos, será ás 23.00 horas. Proxectaranse en inglés, coreano, español e francés JojoRabbit, Libertad, Parásitos / Gisaengchung, Once Upon a Time in... Hollywood e Jour de Fête

'Cinema e Estrelas' 2022
'Cinema e Estrelas' 2022 / Cineclube Pontevedra

O ciclo 'Cinema e estrelas' regresa neste ano 2022 e, durante cinco días desta semana, encherá a praza da Pedreira do mellor cinema en versión orixinal subtitulada.

As proxeccións terán lugar entre o mércores 27 e o domingo 31 de xullo. En todos os casos, será ás 23.00 horas.

Este ciclo organizado polo Cineclube de Pontevedra forma parte da programación de festas de verán do Concello de Pontevedra.

O mércores 27 de xullo o ciclo abrirá coa proxección de JojoRabbit, unha película de Nova Zelanda co inglés como lingua orixinal. Dirixida por Taika Waititi, conta a historia de Jojo "Rabbit" Betzler, un solitario neno alemán pertencente ás Xuventudes Hitlerianas que vive coa súa nai (Scarlett Johansson) na Alemaña da Segunda Guerra Mundial. O seu mellor (e imaxinario) amigo é Adolf Hitler, mais o cego e inxenuo fervor patriótico de Jojo comeza a cambalear cando descobre que a súa nai oculta na casa unha nena xudea.

Esta película levou o Óscar ao Mellor Guión Adaptado en 2019, foi galardoada como Mellor Filme (Premio do Público) no Festival de Toronto 2019 e foi nominada a Mellor Filme e Actor (Comedia ou Musical) nos Globos de Ouro 2019.

O xoves 28 será a quenda de Libertad, película española dirixida por Clara Roquet premiada como Mellor Dirección Novel e Mellor Actriz de Reparto (Nora) nos Goya 2021, que se proxectou na Semana da Crítica en Cannes 2021 e foi o filme inaugural da Sección Oficial da Seminci 2021.

Libertad conta a historia da familia Vidal, que pasa as últimas vacacións coa avoa Ángela, que sofre alzhéimer avanzado. Por vez primeira na vida, Nora, unha adolescente tímida e sobreprotexida, sente que non atopa o seu lugar entre os seus: os xogos infantís parécenlle xa ridículos e as conversas adultas vanlle aínda grandes. Todo muda coa chegada de Libertad, que pasa a ser obxecto de fascinación e obsesión para Nora, na porta de entrada a un verán máis sedutor e perigoso, en motivo de confrontación cos seus privilexios e coas convencións familiares herdadas.

O venres 29 proxectarase Parásitos / Gisaengchung, un filme de Bong Joon Ho. Procedente de Corea do Sur e co coreano como lingua orixinal, levou o Óscar ao Mellor Filme, Director, Filme Internacional e Guión Orixinal 2019; a Palma de Ouro en Cannes por unanimidade do xurado á Mellor Longametraxe 2019; e o Globo de Ouro ao Mellor Filme Estranxeiro 2019.

Toda a familia de Ki-taek vive en condicións deplorables na cidade de Seúl, con traballos precarios e aproveitando a mínima oportunidade para gañar algo de diñeiro. Cando un dos fillos logra unha recomendación para dar clases de inglés na casa da adiñeirada familia Park, todo comeza a mudar. Logo de gañar a confianza da dona da casa, é quen de ir pouco a pouco acomodando os membros da súa familia para desenvolver labores do fogar: comeza unha engranaxe incontrolable, da que ninguén ha saír indemne.

O sábado 30 de xullo vaise proxectar Once Upon a Time in... Hollywood, un filme de Quentin Tarantino co inglés como lingua orixinal que está ambientado no Hollywood dos anos 60. Rick Dalton (DiCaprio), a estrela dunha serie televisiva de western vida a menos e o seu mellor amigo e tamén dobre en secuencias de acción (Brad Pitt) tratan de abrirse camiño como ben poden nun Hollywood onde se viven ventos de cambio. Na particular odisea destes dous actores á procura do seu lugar, cruzarase a  prometedora actriz e modelo Sharon Tate (Margot Robbie), que vén de mudarse xunto a Polanski á casa ao carón de Dalton.

Esta película recibiu galardóns ao Mellor Actor Secundario (Brad Pitt) e Mellor Deseño de Produción nos Óscar 2019; Mellor Filme Comedia, Guión e Actor Secundario (Brad Pitt) nos Globos de Ouro 2019; Mellor Actor Secundario (Brad Pitt) nos Bafta 2019; e Mellor Guión No Círculo de Críticos de Nova York 2019.

O ciclo pecharase o domingo 31 de xullo con Jour de Fête, unha película francesa dirixida por Jacques Tati en 1949 que foi nominada ao León de Ouro no Festival de Venecia en 1949.

O pobo de Saint Sévère disponse a celebrar unha gran festa. As rúas engalánanse con bandeiras, a terraza do café está preparada para o gran baile popular. Mentres reparte o correo, François, o carteiro, desexoso de axudar os feirantes, monta a cucaña, pero só consegue provocar catástrofes. No documental que proxectan na carpa do cinema, François ve un novo sistema para repartir o correo e decide probalo. Á mañá seguinte, cando o pobo esperta tras a festa, o carteiro reparte o seu correo á americana.