A exitosa película 'Barbie', dirixida pola británica Greta Gerwig, abre este martes, ás 22:00 horas, o ciclo "Fantasio na rúa" que, durante un mes e con catorce cintas, levará o cine a todos os cascos urbanos, pero tamén aos barrios e parroquias e sempre a ceo aberto.
A xira comeza na noite da martes nos xardíns de Ravella e concluirá o 14 de agosto, en plenas festas de San Roque, con "Pinocho", de Guillermo del Toro, en Cea, despois de percorrer Os Duráns, As Pistas, Vilaxoán, Trabanca Badiña, Bamio, Rubiáns, O Carril, O Sixto e o parque da Coca.
'Barbie' é unha comedia familiar de aventuras baseada nunha das bonecas máis famosas da historia. Cun fondo de reivindicación feminista, a película contrapón a vida de fantasía fronte á vida real.
Como no resto do ciclo, as proxeccións de "Fantasio na rúa" son gratuítas, sobre unha pantalla led, que permitirá que na maioría dos casos se poidan exhibir a partir das oito e media da tarde, como continuación a unha probable xornada de praia ou outro tipo de ocio.
A xira de "Fantasio na rúa" continuará o mércores no parque Aquilino Iglesias, nos Duráns, coa proxección de "O monstro mariño", a historia dunha nena intrépida e un famoso cazador de monstros mariños que unen as súas forzas para atopar unha poderosa besta.