Vilagarcía de Arousa agarda de novo a Touriñán, un dos cómicos máis apreciados polo público galego, esta vez acompañado por David Perdomo, para presentar "Amoriños", o seu novo espectáculo producido pola compañía Ainé.
A proposta, que se define como un "First Dates á galega", propón unha combinación de citas tolas, paixóns imposibles e personaxes disparatados que prometen provocar gargalladas e emoción entre o público.
A cita será o venres 13 de decembro ás 21:00 horas no Auditorio Municipal.
As entradas, dispoñibles en Ataquilla.com, teñen prezos entre 15 e 20 euros, segundo a zona escollida no Auditorio (A: 20 €, B: 18 €, C: 15 €), máis gastos de xestión.
Se quedan billetes dispoñibles, tamén se poderán adquirir na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.
Tras o éxito de "Somos criminais e punto final", que en outubro esgotou as 1.500 localidades cun Touriñán compartindo cartel con Carlos Blanco, agárdase que neste novo espectáculo a demanda repita récords.
"Amoriños" recupera a parella artística Touriñán e Perdomo tras o éxito das súas anteriores propostas "Corentena" e "Corentena-Game Over", que tamén colgaron o cartel de "completo" na vila.
Segundo a produtora, a historia está protagonizada por personaxes que non deberían xuntarse pero que o fan igual, mesturando humor salvaxe, citas imposibles e moita diversión para unha noite de risas en Vilagarcía.