Claudia Veiras Troitiño gaña o Certame de relatos curtos "A muller e a nena na ciencia"

Pontevedra
08 de febreiro 2022

"Loitar para triunfar" de Julia Martínez Losada, tamén do IES Valle Inclán e "Empeño e ambición fan os soños realldade" de Carmen Portela Medraño, do IES Frei Martín Sarmiento obteñen o 2° e 3° premio

Begoña Márquez, xornalista en GCiencia, e Carmen Fouces, concelleira de Cultura
Begoña Márquez, xornalista en GCiencia, e Carmen Fouces, concelleira de Cultura

O primeiro Certame de relatos curtos "A muller e a nena na ciencia" xa ten gañadora: a alumna do IES Valle Inclán, Claudia VeirasTroitiño (15 anos), polo seu traballo "Pequenas accións, grandes resultados". 

Este certame forma parte das actividades organizadas polo Concello de Pontevedra, en colaboración con GCiencia, co gallo do 11 de Febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. 

O xurado valorou a orixinalidade do texto gañador (unha historia de superación persoal dunha nena africana e de compromiso cos seus), a capacidade expresiva da narradora, a posta en valor da ciencia como ferramenta de progreso e mellora de vida das persoas e da comunidade e a denuncia da loita desigual das mulleres para acadar os seus soños. 

Reunido na tarde do luns, o xurado decidiu outorgarlle o 2° premio do concurso a Julia Martínez Losada (15 anos), tamén alumna do IES Valle Inclán polo seu relato "Loitar para triunfar", no que interpela directamente ao lector sobre o sesgo de xénero, pero tamén de clase e de raza na ciencia. 

Por outra banda, o 3° premio é para Carmen Portela Medraño (16 anos), alumna do IES Frei Martín Sarmiento polo seu relato "Empeño e ambición fan os soños realidade", unha reflexión sobre as dificultades que enfrontan as mulleres que queren adicarse a ciencia, feita a partir da vida da Premio Nobel de Medicina Rita Levi-Montalcini.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presidiu o xurado deste certame de relatos curtos do que formaban parte as investigadoras e divulgadoras científicas, Paula Otero e Carmela Cela, a profesora de Bioloxía, Rocío Ledo e Begoña Márquez, xornalista de GCiencia. 

Os premios entregaranse o vindeiro venres 11 de febreiro, no Pazo da Cultura de Pontevedra onde terá lugar, ás 12 horas, o Encontro de Divulgadoras Cientfficas, acto central do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.