O Concello de Bueu e a Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons poñen en marcha un ambicioso proxecto para recuperar o tradicional Entroido insular en Ons.
O veciño e investigador José Manuel Dopazo Entenza impartirá este sábado, 25 de xaneiro, unha charla-coloquio titulada "Coma na illa en ninkún lado" na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, ás 12.00 horas.
Esta actividade é o punto de partida dun programa máis amplo que culminará coa celebración do Entroido na illa os días 1 e 2 de marzo.
O programa inclúe a recuperación de elementos tradicionais como unha fiada con pandeiretas en Curro; a saída da figura do entroido (un esqueleto de paus cuberto de palla e roupa vella) e a participación das máscaras tradicionais
Ademais vai recuperarse a presenza dos mudados e mudadas, personaxes ataviados con prendas brancas e carautas vermellas
O percorrido do Entroido concentrarase na zona centro-sur da illa, comezando na Altura, pasando por Pereiró, Canexol e As Xabreiras, para rematar no Caño e Curro.
Dopazo Entenza, mestre e experto na fala e tradicións de Ons, baseou a recuperación desta festividade nun exhaustivo traballo de investigación sobre os costumes tradicionais da illa, onde as máscaras, os mudados e a figura do entroido xogaban un papel fundamental na celebración desta festa popular.
