Comedia de Shakespeare na versión actualizada de Quico Cadaval en Vilagarcía

O Salnés
13 de outubro 2020

A obra de William Shakespeare titulada 'Medida x Medida' representarase o vindeiro sábado 17 de outubro no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa ás 21:00 horas a cargo de Producións Teatrais Excéntricas. Recoméndase a compra anticipada xa que o aforo está limitado a 60 prazas polas restricións da covid-19

Escena de "Medida x Medida" de Producións Teatrais Excéntricas
Escena de "Medida x Medida" de Producións Teatrais Excéntricas / Cristina Becerra

A obra de William Shakespeare titulada 'Medida x Medida' representarase o vindeiro sábado 17 de outubro no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa ás 21:00 horas.

Trátase da comedia máis escura do dramaturgo británico, adaptada aos tempos actuais polo ribeirense Quico Cadaval para a compañía santiaguesa Producións Teatrais Excéntricas. O espectáculo forma parte do ciclo programado a través do convenio financiado pola Concellería de Cultura de Vilagarcía e a Agadic.

'Medida x Medida' acontece nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. Nela, o mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais. Cae a lei por igual sobre o negocio do sexo e sobre a mocidade hedonista. Neste contexto, un mozo de boa familia é condenado a morte. Isto obriga a Isabella, a súa irmá monxa, a abandonar o convento coa tentativa de salvar a vida do seu pecadento irmán. Durante os tres días que dura a súa escapada, Isabella atópase cun mundo cheo de vicio, perversidade e corrupción que porán en perigo a súa integridade. Palacios, cadeas e arrabaldes serán o labirinto que percorre Isabella na súa carreira contra a morte do seu irmán.

Esta comedia negra chea de sorpresas e xiros argumentais está protagonizada por Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto, Santi Romay, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira.

Co aforo do Auditorio de Vilagarcía limitado a 60 prazas polas restricións da covid-19, as persoas que desexen asistir ao espectáculo poden adquirir anticipadamente as súas entradas a través de ataquilla.com ou do teléfono 902504500. O prezo xeral do billete é de 5 euros (máis custes de xestión na venda anticipada), e de 3 euros para persoas maiores de 65 anos, parados e titulares do carné xoven, acreditando a situación cos correspondentes carnés.