Durante a pasada primavera, o actor Óscar Casas puido reencontrarse coas súas raíces galegas. Na terra da súa familia gravou a comedia romántica Me has robado el corazón, unha película que se estreará nos cines de toda España en 2026.
O Grove e Cambados foron, entre outros lugares, as principais localizacións deste filme, producido pola compañía Ficción Producciones a partir dunha idea orixinal do pontevedrés Alberto Arruty.
Ana Jara, coñecida polo seu papel de Luz na serie 4 Estrellas de TVE, é a coprotagonista desta película, que está baseada nun titular dun xornal estadounidense sobre un suceso real.
Conta a historia de Eric (Casas), un novo enxeñeiro que, tras coñecer a Beira (Jara) nunha app de citas, engánaa para que sexa a súa condutora na súa fuxida cara a Galicia.
Faino despois de roubar un banco en Madrid e mentres a policía os persegue.

Completan o elenco Luís Zahera, Antonio Pagudo, Miguel de Lira, Ana Milán, Arturo Valls, Alba Gutiérrez, Mario Marzo, Pol Granch, Juan Amoedo, Xurxo Carreño e Francis Lorenzo, entre outros.
Tras as cámaras, Me has robado el corazón conta cunha das directoras máis recoñecidas do cine español, a realizadora granadina Chus Gutiérrez.
A película, que será distribuída por Sony Pictures, conta coa participación de RTVE, TVG e Prime Vídeo, onde se estreará tras o seu paso por salas.
Ademais da comarca do Salnés, o filme, que ten toques de road movie, rodouse en Santiago de Compostela, Verín -aproveitando o Entroido- ou Madrid.