Como nos Oscar, Campo Lameiro entrega os seus premios de cine

O Campo Lameiro
16 de marzo 2026
Actualizado: 12:44

Campo Lameiro celebrou a súa primeira edición de FAMCine, Festival de Cine Familiar, a fin de semana. Unha proposta co obxectivo de que o cine chegue ao ámbito rural, ademais de impulsar o lecer para todos os públicos

Entrega de premios FAMCine de Campo Lameiro Concello de Campo Lameiro

O acto celebrado en Campo Lameiro tivo lugar no Pavillón de Deportes, contando coa presenza do alcalde do municipio, Carlos Costa; o deputado provincial e o alcalde de Portas, Ricardo Martínez; e membros da ANPA do Colexio Pedro Antonio Cervatiño, entre outros asistentes.

Despois das proxeccións das obras fílmicas durante o sábado e o domingo, desenvolveuse a entrega de premios nas distintas categorías.

Na categoría de Mellor Longametraxe de Ficción, o premio foi para "¿Quién llorará por mí?", realizada por Paco Izquierdo. Doutra banda, o galardón de Mellor Longametraxe de Animación recibiuno "Kayara", de César Zelada.

Gañadores de FAMCine de Campo LameiroConcello de Campo Lameiro

En canto á sección de curtametraxes, o premio a Mellor Curtametraxe de Ficción obtívoo "Nas ondas do tempo", de Adrián Porima; no apartado de Mellor Curtametraxe de Animación, foi para "Como si la tierra se las hubiera tragado" , de Natalia León.

Finalmente, a longametraxe "Te protegerán mis alas", de Antonio Cuadri, e a curtametraxe "Saír do limbo", de Antón Rodríguez Vázquez, recibiron o galardón do público nas súas respectivas categorías.

Gañadores de FAMCine de Campo LameiroConcello de Campo Lameiro

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, afirma que o Festival de Cine Familiar "nace coa vontade de achegar a cultura cinematográfica ao ámbito rural e crear espazos de encontro arredor do cine para diferentes xeracións, favorecendo a convivencia entre a veciñanza".

Unha iniciativa que, segundo o deputado provincial Ricardo Martínez, "mesmo se adiantou aos Oscar, contando tamén con alfombra vermella e photocall para premiar". Tamén comentou como proxecta o futuro do cine no municipio "Campo Lameiro ten futuro non sector audiovisual e desde aquí estou seguro de que sairán novos talentos".

Todos os veciños e veciñas de Campo Lameiro puideron compartir un espazo con aperitivos para comentar a gala e as proxeccións ao terminar a cerimonia