As webseries toman a aula de Cine da Facultade de Comunicación de Pontevedra

Pontevedra
10 de marzo 2026

A Facultade de Comunicación celebrará este mércores unha sesión destinada ao formato das webseries e á súa presenza dentro da Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín (MAC Marín)

Mac Marín
Mac Marín / Mac Marín

A Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo celebrará este mércores, 11 de marzo, unha sesión destinada ao formato das webseries e á súa presenza dentro da Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín (MAC Marín).

A actividade terá lugar ás 16.00 horas na aula de Cine do centro e estará dirixida polo director do certame, Dani Antelo.

O encontro propón un percorrido por algunhas das producións que pasaron polo festival en edicións anteriores. Durante a sesión proxectaranse e comentarán varias webseries que forman parte do historial do certame.

Este percorrido polas webseries proponse coa finalidade de achegar ao alumnado universitario a novas formas de narrativa audiovisual e incentivalos ao uso dos novos formatos de creación contemporáneos.

Nesta retrospectiva de webseries incluiranse producións galegas, Delirio Sketches, Dúas Señoras e E Logo, Quen Foi?, tres exemplos de ficción dixital desenvolvida en Galicia.

A elas súmase Venus en Xogo, unha serie arxentina distribuída pola plataforma Flixxo que tamén formará parte da programación do festival.

A actividade sitúase dentro das accións de difusión previas á quinta edición da MAC Marín, que se celebrará do 18 ao 22 de agosto na localidade pontevedresa de Marín.

Ademais de revisar algunhas das propostas do certame, durante a presentación tamén se dará a coñecer unha nova edición de Cinema Xove, unha sección destinada a promover obras audiovisuais realizadas por estudantes de universidades e escolas de cine.

A aula de Cine onde terá lugar a sesión é un espazo dedicado á divulgación cinematográfica dentro da facultade e está coordinado polo vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez.

Estas iniciativas destacan o talento audiovisual do alumnado, levándoo moito máis alá do ámbito académico e permitíndolles compartir espazos con referentes do sector.