Compromiso coa lingua galega nuns sentidos premios Xoán Manuel Pintos

Pontevedra
16 de marzo 2018

O Pazo de Mugartegui acolleu este xoves a entrega dos Premios Xoán Manuel Pintos 2018, que recoñeceron aos proxectos Apego e a Galipedia e aos profesores Vitoria Ogando e Anxo González Guerra 

Entrega dos Premios Xoán Manuel Pintos 2018
Entrega dos Premios Xoán Manuel Pintos 2018 / Mónica Patxot

O Pazo de Mugartegui acolleu este xoves a entrega dos Premios Xoán Manuel Pintos 2018, que recoñecen o labor de persoas, empresas ou entidades na promoción da lingua galega.

Tratouse dun sinxelo acto tras a decisión tomada polo xurado dos premios o pasado 1 de marzo.

O primeiro dos recoñecementos recollérono Rosa Moreiras e Roberto Rielo polo programa 'Apego', de promoción da lingua galega e de normalización lingüística no ámbito familiar e que xa chegou a 10 municipios de Galicia.

Despois foi a quenda para os profesores Vitoria Ogando e Anxo González Guerra, mestres xubilados do IES Vale-Inclán de Pontevedra e que son xestores da páxina ogalego.eu, unha ferramenta para a inclusión do idioma nos ámbitos da educación primaria e secundaria.

Por último o proxecto 'A Galipedia', a tradución da popular Wikipedia ao galego e que cumpre 15 anos, levou o Premio  Xoán Manuel Pintos ao ser elixido nunha votación popular. Recolleu o premio Adrián Estévez Iglesias, un dos impulsores do proxecto e colaborador de PontevedraViva.