Con setembro, regresa o Cineclube ao Teatro Principal

Pontevedra
02 de setembro 2024

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou a través do blog da asociación. As cotas para asociarse ao cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos

Fotograma da película "O mal non existe"
Fotograma da película "O mal non existe" /

Co inicio do mes de setembro, regresa ao Teatro Principal a programación do Cineclube Pontevedra. A partir do día 9 proxectarase unha selección de cinco filmes que se proxectarán repartidos en dous luns e tres martes do mes.

As cotas para asociarse ao cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos. Tanto as cotas anuais coma as trimestrais permiten o acceso de balde a todas as proxeccións que se realicen mentres estiveren vixente.

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou a través do blog da asociación

Todos os filmes poderán verse en versión orixinal con subtítulos en español. As sesións comezan ás 20:30 horas a as portas do Teatro Principal estarán abertas desde as 20.00. 

O director brasileiro Kleber Mendoça Filho (Recife, 1968) será o protagonista dos luns de filmoteca, que acollerán o luns 9 estimulante wéstern distópico Bacurau (2019), ambientado no Sertão pernambucano e dirixido a canda Juliano Dornelles, e o luns 23 Retratos fantasma (2023), que retrata, a través da mirada íntima do cineasta, a súa relación co cinema e a evolución da sétima arte na cidade de Recife. 

As sesións dos martes ofrecerán tres filmes estreados durante o ano 2024. O martes 10 será o drama en clave de thriller ambientado nas aulas Sala de profesores (2023), do director turco-alemán Ilker Çatak.

O martes 17 será a quenda da delicadísima reflexión arredor da relación home-natureza que propón Ryūsuke Hamaguchi (gañador do Oscar por Drive My Car) en O mal non existe (2023); e o martes 24 vaise proxectar O ceo vermello (2023), que confirma a Christian Petzold como un dos mellores directores alemáns do noso tempo.