Concha Pasamar, Xose Cobas, Paula Carballeira e Enma Pedreira participarán no IV Congreso de Mediación Lectora

Pontevedra
24 de febreiro 2022

Este evento internacional vai celebrarse durante as tardes do 10, 17 e 24 de marzo no Pazo da Cultura. Desde este xoves 24 está aberto o prazo de inscrición gratuíta na páxina web do Salón do Libroa>

Publicación de Concha Pasamar, que estará presente no Congreso de Mediación Lectora
Publicación de Concha Pasamar, que estará presente no Congreso de Mediación Lectora

Regresa o formato presencial ao Congreso Internacional de Mediación Lectora, que neste 2022 desenvolverase nas tardes dos xoves 10, 17 e 24 de marzo no salón de actos do Pazo da Cultura, dentro das actividades programadas con motivo do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

'Con moita arte!' será o título da cuarta edición deste evento e ofrecerá conexións con outras manifestacións creativas máis aló da lectura literaria, segundo informan desde a organización do Congreso que promove o Concello de Pontevedra e que conta coa colaboración da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela.

Desde este xoves 24 xa se atopa aberto o prazo para inscribirse nas 120 prazas destinadas a persoal docente, mediadores, estudantes e calquera persoa interesada nesta actividade. A inscrición é gratuíta e debe realizarse, antes do luns 7 de marzo, a través do formulario que se atopa na web do Salón do Libro.

Nesta edición participará o ilustrador Xosé Cobas, encargado de abrir a primeira sesión. Tamén intervirán a polifacética actriz Paula Carballeira; o escritor e docente Txabi Arnal; a escritora e ilustradora Concha Pasamar e a tamén a crítica literaria e mestra María Xesús Fernández.

Esta cita exponse revisar prácticas e estratexias para mediar entre a lectura e a infancia e a mocidade. Nese sentido expoñerán a súa visión Laura Romero, ilustradora e música; os docentes anxos e María Isabel Abelleira; e a escritora Enma Pedreira. Sobre as novas tecnoloxías e as fórmulas para chegar ao novo lector intervirán Galo Martínez e Rubén Carrerizo do Museo do Videoxogo de Cangas; e Paola Migueráns con estratexias didácticas innovadoras.

As intervencións complementaranse con, entre outras actividades, iniciativas sobre a creación e a educación interdisciplinar a través da proposta "Zumaiena, o gozo pola lectura", unha fórmula para fomentar procesos de cambio social.