Convocado o segundo certame de relato breve Nélida Piñón

Cerdedo Cotobade
30 de setembro 2016

A nova edición do premio foi presentado esta tarde en Cotobade nun acto que contou coa participación da escritora brasileira de raíces galegas, referente da literatura universal

Certame de relato breve Nélida Piñón
Certame de relato breve Nélida Piñón / Cristina Saiz

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Concello de Cotobade e a Deputación Provincial de Pontevedra presentaron este venres a segunda edición do Certame de Relato Breve Nélida Piñón, nun acto que contou coa participación da escritora brasileira de raíces galegas, precisamente de Cotobade.

O certame naceu co obxectivo de homenaxear a escritora que lle dá nome, Nélida Piñón Cuíñas, a quen o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, cualificou como "unha traballadora das palabras e dos afectos" e tamén foi creado coa idea de promover a actividade literaria dos novos escritores e de lles ofrecer un escaparate para dar a coñecer as súas primeiras creacións.

Este ano o certame estende o seu formato de relato curto ata as 30 páxinas e introduce a novidade de dous accésits, o que, ademais de darlle a oportunidade a outros dous autores de ver premiado o seu traballo, permitirá tamén incorporar eses relatos á edición que se promove cada ano para difundir as obras.

Xunto co goberno galego, promoven este certame o Concello de Cotobade e a Deputación de Pontevedra, representados, respectivamente, polo alcalde, Jorge Cubela, e polo deputado de Cultura, Xosé Leal, nun acto que tivo lugar na Casa do Concello de Cotobade e que tamén contou coa asistencia do secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, Jesús Oitavén.

PRAZO DE PRESENTACIÓN

Ao certame poden concorrer autores maiores de 18 anos de calquera nacionalidade, con obras orixinais e inéditas escritas en galego e cunha extensión mínima de 20 e máxima de 30 páxinas, que se presentarán entre o 1 de outubro de 2016 e o 1 de maio de 2017. Dotado con 4.000 euros e mais con dous accésits de 1.000 euros cada un, o premio tamén inclúe a publicación das obras seleccionadas.

As bases poden consultarse na páxina web de Cultura.

Na primeira edición, o autor galardoado foi Xesús Castro Yáñez, pola obra ‘O vello e o Minotauro’. O relato, que é unha reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, foi seleccionado entre un total de 180 traballos e viu a luz en 2015 nunha publicación.