O Concello de Bueu acaba de lanzar a convocatoria dos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo, uns dos certames máis consolidados no panorama cultural galego.
As persoas interesadas en participar terán ata o 31 de maio de 2025 para presentar os seus traballos, que optarán a 1.500 euros en cada modalidade, ademais da publicación do poemario gañador por parte da editorial Xerais.
Nesta 28ª edición do premio de poesía e 22ª do de xornalismo, destaca como novidade a admisión de textos en normativa reintegracionista, unha demanda histórica de sectores deste movemento sociolingüístico.
O certame, que homenaxea o político, poeta e xornalista bueués Johan Carballeira, seudónimo de José Gómez de la Cueva, busca así ampliar o seu alcance e fomentar a diversidade lingüística e creativa.
Os traballos poderán enviarse en formato físico ou dixital, seguindo as bases dispoñibles na web municipal.
Entre os gañadores de edicións anteriores figuran nomes destacados como Yolanda Castaño, Xurxo Alonso ou Emma Pedreira (poesía) e xornalistas como Antía Yáñez ou Lois Pérez Pena, gañador na última edición cun "Eloxio do apenovismo".
Estes premios convertéronse nun referente para a creación literaria e xornalística en galego, cun palmarés onde figuran algunhas das persoas máis determinantes da lingua galega nos últimos anos.