Cora Velasco presentará novos temas dentro da xira 'Sortilegios' este sábado 14 na Sala Karma

Pontevedra
09 de decembro 2019

A artista pontevedresa publicaba en decembro de 2018 o seu primeiro álbum e tras un ano de xira, o sábado 14 ofrecerá novidades a partir das 21.30 horas no coñecido local da cidade. As entradas anticipadas poden adquirirse a través de Eventbritea> e no Pavero Bara> ao prezo de 7 euros máis gastos de tramitación

Cora Velasco, no vídeo 'Mis cadáveres'
Cora Velasco, no vídeo 'Mis cadáveres' / Cora Velasco Música

O vindeiro sábado 14 de decembro, a Sala Karma acollerá un novo concerto da intérprete pontevedresa Cora Velasco, cando se cumpre un ano da publicación do seu primeiro álbum que leva o título de 'Sortilegios'.

Nesta actuación, a artista presentará os seus novos temas despois dunha etapa intensa e chea de experiencias que se iniciou coa súa actuación como teloneira de Jorge Drexler en Pontevedra para, a continuación, presentar o seu disco no programa de Julio Ruiz en Radio 3, 'Disco Grande'. Durante o verán tamén actuou como teloneira de Luz Casal na Festa do Albariño de Cambados, ademais de participar en festivais como Portamérica, 17 Ribeira Sacra, o Festival da Luz e nos Solpores do Museo con Joe Crepúsculo.

'Ojos nuevos' é o seu último single, gravado no estudo do Náutico de San Vicente no Grove e presentado a finais do verán. A intérprete, que tamén desenvolve o seu traballo como actriz coa compañía Baobab Teatro, continúa explorando melodías nas súas novas creacións baixo a influencia da música da década dos oitenta.

As entradas para o concerto na Sala Karma xa se poden adquirir de maneira anticipada a través de Eventbrite e no Pavero Bar ao prezo de 7 euros máis gastos de tramitación. No despacho de billetes, antes da actuación, o prezo será de 9 euros. A apertura de portas da sala será ás 21.30 horas.