Na conta atrás cara á velada de cine do ano en Pontevedra, as 'Conversas na Ferrería' sintan aos micrófonos a dúas persoas vinculadas ao audiovisual. Con eles facemos un repaso ás nominacións correspondentes aos vinte premios que se entregarán o vindeiro sábado 25. A estes sumarase o Feroz Audi de Honra que corresponderá ao director Jaime Chávarri.
Rocío Torres Pumeda traballa no sector audiovisual e comunicación, é integrante de CREA, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización e tamén directora da curtametraxe 'Parafuxo'.
Pola súa banda, Severiano Casaderrey, ademais de exercer a docencia, é crítico e programador de cine e integrante da Academia Galega do Audiovisual e da Academia das Artes e Ciencias Cinematofráficas.
Víronse practicamente todas as metraxes que concorren e sinalan cales serían os seus gañadores en cada categoría. Falan de actores e actrices, de directores, de guionistas, de músicas, e mesmo para quen o descoñezan: o por que dun Premio Feroz Arrebato.
Nesta edición 2025, a película 'Casa en flames' aglutina até oito nominacións; 'La habitación de al lado' suma seis, do mesmo xeito que 'La virgen roja' e 'Los destellos'. Séguenlles con catro nominacións 'La estrella azul', 'Polvo serán' e 'Salve María'. Tres nominacións suman 'El 47', 'La casa', 'Escape' e 'La infiltrada'.
Con dúas nominacións perfílase 'Marco' e tamén están entre as longametraxes seleccionadas: 'Bodegón con fantasmas', 'Buscando a Coque', 'Caja de resistencia', 'En la alcoba sultán', 'La hojarasca', 'On the go', 'Por donde pasa el silencio', 'Saturno', 'Soy Nevenka', 'The human hibernation', 'Un sol radiant', 'Volveréis' e 'Zinzindurrunkkarratz'.
No apartado de series, parte como mellor situada 'Querer', con sete nominacións; cinco suma 'Celeste'; catro 'Los años nuevos', 'El caso Asunta', 'Nos vemos en otra vida' e 'Yo, adicto'.
A serie 'Cristóbal Balenciaga' conta con dúas nominacións, e están igualmente propostas cunha proposta: 'Mamen Mayo', 'Muertos S.L.', Medina, el estafador de famosos' e 'Rapa'.