Cultura no Camiño encherá a Praza do Teucro con teatro infantil entre o 20 e o 26 de xullo

Pontevedra
31 de marzo 2015

Trátase dunha programación cultural, impulsada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, que se estende polos 93 concellos situados nas diferentes rutas xacobeas da nosa comunidade

Presentación en Santiago do ciclo cultural Cultura no Camiño
Presentación en Santiago do ciclo cultural Cultura no Camiño / Xunta de Galicia

Pontevedra acollerá entre os días 20 e 26 de xullo sete espectáculos de teatro dirixidos ao público infantil. ÿ a proposta que recolle o ciclo Cultura no Camiño para a cidade do Lérez. Trátase dunha programación cultural, impulsada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, que se estende polos 93 concellos situados nas diferentes rutas xacobeas da nosa comunidade.

Na súa terceira edición, o programa xurdido ao abeiro da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, despregará unha carteleira de 316 actuacións escénicas e musicais, protagonizadas por 138 formacións artísticas galegas.

No caso da cidade de Pontevedra, a programación é a seguinte:

  • 20 de xullo: As mil e unha noites, de Ghazafelhos Teatro.
  • 21 de xullo: De troula en troula, de A illa dos nenos.
  • 22 de xullo: O bufón do reino, de Pinga Teatro.
  • 23 de xullo: Uxía lambona e a banda molona, de Troula.
  • 24 de xullo: Pan de millo: Vai ser boa!, de Migallas Teatro.
  • 25 de xullo: Rodarirrodari, de Fantoches Baj.
  • 26 de xullo: Os xogos de Paporrubio, de Paporrubio.

 

Todas as actuacións serán ás sete e media da tarde na Praza do Teucro.

Neste sentido, articúlase como un circuíto de espectáculos que ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural, amplía as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo producidos de maneira profesional en Galicia.

Conta un orzamento superior aos 500.000 euros e no seu financiamento participan tamén os respectivos concellos, asumindo estes unha parte dos cachés artísticos.

O calendario de actuacións para todos os concellos estará dispoñible para a súa consulta no web da Agadic.