'Cultura no Camiño' recala en Vilaboa e Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
26 de agosto 2020

Ponte Caldelas ofrecerá catro espectáculos, entre concertos e contacontos, no mes de setembro na Alameda e Vilaboa combinará música e teatro desde o 28 de agosto ata o mes de outubro en diferentes parroquias

Cartel do programa 'Cultura no Camiño'
Cartel do programa 'Cultura no Camiño' / Xunta de Galicia

'Cultura no Camiño', o ciclo de espectáculos impulsado pola Xunta de Galicia e co patrocinio de Gadis, amplía a súa programación no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19. As anteriores convocatorias deste ciclo centrábanse exclusivamente nos concellos situados no Camiño de Santiago, pero este ano abriuse a todos os municipios.

Entre os concellos beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a contratación de espectáculos profesionais galegos ao abeiro deste programa, atópanse Vilaboa e Ponte Caldelas.

MÚSICA E TEATRO EN VILABOA

A música chegará a Vilaboa o 28 de agosto ás 20.00 horas da man de 24 Instrumentos Populares Galegos no adro de festas de San Adrián de Cobres. Nesta mesma localidade hai programadas outras actuacións, como a de Paco Nogueiras, o 30 de agosto ás 20.00 h. no adro de festas de Bértola; a de Os Meninos, o 5 de setembro ás 20.30 h. no adro de festas de Postemirón; e a de Blues do País e o día 27 de setembro ás 20.00 h. no adro de festas de Santa Cristina de Cobres. A última cita no concello de Vilaboa será o día 4 de outubro coa obra de teatro Dous no Camiño (unha historia Xacobea) no Eirado do Alcouce ás 19.00 horas.

CONCERTOS E CONTACONTOS EN PONTE CALDELAS

Ponte Caldelas ofrecerá catro espectáculos no mes de setembro ás 19.00 horas na Alameda dentro do programa 'Cultura no Camiño': o día 7 o concerto de Cé Orquesta Pantasma, o día 8 a música de Oradaladou co Cancioneiro de Cotobade, o día 10 un concerto de Xoán Curiel e o día 11 o contacontos Pepiña Maruxiña quere voar.