Culturgal 2014 é a "demostración de forza" dun sector galego no que traballan 24.300 persoas

Pontevedra
05 de decembro 2014

O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, sinalou que esta sétima edición da Feira é "a da consolidación" deste "modelo inédito e a imitar" dun evento que é "froito do esforzo compartido" das industrias culturais e das administracións

Inauguración do Culturgal 2014
Inauguración do Culturgal 2014 / Mónica Patxot

Este venres abriu as súas portas o Culturgal 2014, a Feira Galega das Industrias Culturais, que se desenvolverá ata o próximo domingo día 7 no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, sinalou que esta sétima edición da Feira é "a da consolidación" deste "modelo inédito e a imitar", dun evento que é "froito do esforzo compartido" das industrias culturais e das administracións.

Nesta apreciación coincidiu co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, que definiu o evento como unha "demostración de forza" deste sector en Galicia, que durante o ano pasado deu emprego a 24.300 persoas e alcanzou as 4.102 empresas rexistradas.

Xesús Vázquez referiuse ás cifras recollidas no último 'Anuario de Estatísticas Culturais' do Ministerio de Cultura que, no caso das industrias culturais e creativas galegas, reflicte un cambio de tendencia en 2013 respecto do ano anterior, cun aumento do 13,5 por cento en canto ao nivel de emprego e do 1,45 por cento en número de empresas.

O titular de Cultura e Educación, recordou que os datos de 2013 sitúan a actividade económica da cultura galega no sexto lugar do Estado, só superada por Madrid, Cataluña, País Vasco, Navarra e Baleares.

O conselleiro compartiu a súa "esperanza" de que este ano poida ser o "punto de inflexión" que marque unha nova etapa de crecemento das industrias culturais galegas.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu a benvida a todos os empresarios participantes no Culturgal "sodes uns auténticos heroes", dixo, tras felicitalos por "manexar entre a espesura da crise os vimbios da cultura".

O beneficio económico e social que xeran todas as industrias que se dan cita neste evento foi unha cita recorrente durante a inauguración do Culturgal.

MÁIS DE 150 ACTIVIDADES

Con máis de 150 actividades e 70 expositores de empresas, asociacións e entidades públicas, este ano o encontro amplía horizontes para chegar a novos sectores como as artes contemporáneas, o deseño e a artesanía, ademais de incorporar a 'gastrocultura' e unha programación especial para bebés aos seus xa habituais espazos dedicados ao cine, ao libro, á escena, á música, ás novas tecnoloxías ou aos contidos infantís.

A carteleira de música ao vivo volverá contar tamén cun espazo destacado na programación que se desenvolverá no auditorio e na carpa instalada no Pazo da Cultura.