Culturgal bota o peche coa vista posta xa nunha nova edición dixitalizada en novembro de 2021

Pontevedra
30 de novembro 2020

As cifras chaman a atención. Máis de 70 propostas culturais, 12 cámaras recollendo todo o que sucedía, catro escenarios, 20 horas de retransmisión e máis de 60 persoas traballando. Así se viviu durante esta fin de semana Culturgal, que chegou a 900 persoas de xeito presencial e tivo máis de 9.000 reproducións nas tres canles de programación 

Presentación do Salón do Libro en Culturgal 2020
Presentación do Salón do Libro en Culturgal 2020 / Cristina Saiz

As cifras chaman a atención. Máis de 70 propostas culturais, 12 cámaras recollendo todo o que sucedía, catro escenarios, 20 horas de retransmisión e máis de 60 persoas traballando. Así se viviu durante esta fin de semana a Feira das Industrias Culturais de Galicia Culturgal, que chegou a 900 persoas de xeito presencial e tivo máis de 9.000 reproducións nas tres canles de programación.

Co lema 'En caso de emerxencia, cultura', afrontou a súa edición máis complicada pola necesidade de adaptarse á nova normalidade derivada da pandemia da covid-19 e ás restricións adoptadas polas autoridades para frear a expansión do virus, e logrou saír con balance positivo en canto a participación e impacto

Agora, xa pensan na edición 2021 e avanzan que tirarán das leccións aprendidas neste ano pandémico. Esa nova cita xa ten data: 26, 27 e 28 de novembro. E ten tamén obxectivos: recuperar a presenza de stands aos que este ano tiveron que recuperar e manter a súa filosofía de punto de encontro anual do sector cultural en Galicia. 

En todo caso, tampouco esquecerán esta edición 2020 e xa avanzan que seguirán traballando no formato de retransmisión como idóneo para chegar a máis público, pois esta edición demostrou que a recepción dos espectáculos e eventos a través dunha pantalla é un ferramenta moi potente para romper barreiras de acceso cultural.

Xosé Aldea, director da Culturgal, valora que unha boa realización e transmisión das propostas compensa en boa parte a non presenza física e permite a conexión con novos públicos e adianta que retransmisión da programación para chegar a máis público "ven para quedarse"

Así, insiste en que o obxectivo é recuperar canto antes a parte feiral de Culturgal, pero engade que todo o sector cultural debe entender que a retransmisión ofrece moitos beneficios á hora de mostrar proxectos, produtos ou servizos.

A organización tamén destaca que a resposta presencial superou a súas expectativas, sobre todo tendo en conta que o peche perimetral adoptado pola Xunta de Galicia tan só permitía que asistira a poboación de Pontevedra. Poio, Marín, Vilaboa, Barro, Ponte Caldelas, Soutomaior e Cerdedo-Cotobade. 

Había limitación de ocupación e necesidade de convite previo e, pese a todo, algunhas actividades esgotaron as entradas: todas as películas proxectadas na sala de cinema, o encontro de Banda Deseñada e a conversa con Manuel Rivas e Elba Pedrosa no Teatro Principal, os concertos de Susana Seivane, Cas Berlai, Luar na Lubre, A Central Folque e o espectáculo infantil de Pakolas no Auditorio do Pazo da Cultura, a performance teatral e poética de Rosalía Fernández Rial e Marta Pérez “Inversa Teatro” ou Opera Break´s, o show de breakdance e ópera producido por Vella Escola no Pazo da Cultura. 

Durante a xornada deste domingo, última dos tres días de evento, a organización destaca a actividade organizada no Espazo Libro no Teatro Principal, un evento especial dedicado aos libros da pandemia editados en Galicia.

Entre eles están a tradución de Pandemia de Slavoj Zizek, realizada por Carlos Aymerich e editada por Galaxia; o volume Setenta ideas para a (post)pandemia, editado por Catro Ventos coa participación de sete autores ou o último proxecto de Xurxo Souto: 'Pangalaica, recortes poderosos'.

Poñendo o foco na alerta sanitaria, tamén este domingo a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Audiovisuais (AGATEC) abordaron o temas dos aforos nos eventos culturais nesta época de restricións de mobilidade.